A campaña Mergúllate ten o fin fomentar a Economía Social cara á este modelo de negocio e os seus valores

Cooperativa leiteira Clun.

Cooperativa leiteira Clun.ARQUIVO.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) de Santiago a campaña Mergúllate na Economía Social coa que a Xunta quere promover este modelo de negocio e os seus valores entre axentes intermedios que apoian o impulso de proxectos empresariais.

A iniciativa, ademais, ten como obxectivo divulgar os recursos e ferramentas de apoio que a Administración autonómica pon a disposición destas empresas. Así, a campaña está dirixida a axentes de emprego e desenvolvemento local, técnicos de emprendemento e emprego de entidades sen ánimo de lucro e outros axentes intermedios que teñan un contacto directo con emprendedores e queiran coñecer a economía social e as súas fórmulas empresariais.

Toca puxo en valor ás cooperativas polo papel destacado que xogan no tecido empresarial galego contribuíndo a mellorar a competitividade e a impulsar o emprendemento industrial. Así, o Goberno galego neste ámbito e, a través da Axenda 20 para o Emprego, conta con diversas ferramentas para impulsar esta fórmula empresarial. Este ano, entre as diferentes actuacións postas en marcha, destinou 1 millón de euros para formación de traballadores de entidades de economía social e levou a cabo unha reforma en profundidade do rexistro de cooperativas para simplificar e facilitar a súa constitución e todos os trámites rexistrais posteriores a través de medios telemáticos.

A Xunta no eido do cooperativismo investiu en 2017 un total de 5,4 millóns de euros en diferentes programas como as axudas para apoiar o desenvolvemento de novos proxectos. O Goberno galego, ademais, conta co Fondo de Economía Social (FES) de XesGalicia que cunha achega de 5 millóns de euros apoia tamén o desenvolvemento de novos plans empresariais e impulsa o crecemento dos que xa están en marcha, especialmente no eido rural. Este fondo ten unha capacidade para beneficiar a unhas 50 compañías con apoios financeiros desde 30.000 euros.

Outra das ferramentas da Administración autonómica para fomentar o cooperativismo é a Rede Eusumo, creada pola Xunta en 2012, que conta con máis de 210 entidades adheridas, entre as que destacan 157 concellos. Desde a súa constitución, esta Rede levou a cabo accións de titorización e asesoramento personalizado en materia de cooperativismo e economía social a máis de 605 grupos promotores, o que permitiu a constitución de 123 cooperativas e sociedades laborais nas que se agruparon 462 socios promotores.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada