A Xunta executou xa o 93,24% do programa Leader na convocatoria do 2017

Ángeles Vázquez presidiu esta tarde en San Caetano a reunión do Consello Asesor e de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Ángeles Vázquez presidiu esta tarde en San Caetano a reunión do Consello Asesor e de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu este martes en San Caetano o Consello Asesor e o de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), onde destacou o alto grao de execución do programa Leader na convocatoria de 2017, que a día 15 de decembro xa ten pagado o 93,24% dos fondos solicitados polos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR).

A conselleira salientou a importancia destes fondos para o impulso e dinamización do rural galego. Neste senso, avanzou que xa se ten pagado un total de 16,3 millóns de euros pertencentes á actual convocatoria, que se pechará o vindeiro 30 de decembro. Deste montante, preto de 3 millóns son para gastos de funcionamento dos GDR e o resto, máis de 13,5 millóns de euros, para a execución dos distintos proxectos presentados.

No Consello Asesor de Agader están presentes diversos departamentos da Xunta de Galicia, así como representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), organizacións sindicais e outras entidades e asociacións da sociedade civil vinculadas ao medio rural galego.

Nesta xuntanza tamén se abordou, entre outros asuntos, o plan de actuación de Agader para o vindeiro exercicio 2018. Cabe destacar que, entre as principais novidades, o orzamento desta axencia crece un 20,34%, ao pasar dos 36 millóns de euros en 2017 a máis de 43,5 millóns de euros en 2018.

As medidas planificadas por Agader no vindeiro exercicio céntranse principalmente no fomento dos investimentos e a cooperación no medio rural, co fin de mellorar a calidade de vida nestas zonas. Para iso, habilitarase unha contía superior aos 16 millóns de euros con destino ao Plan de mellora de camiños, que permite acondicionar os principais viarios e facilitar as comunicacións entre os habitantes do agro. Así mesmo, tamén destacan os investimentos para a creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas, así como a xestión de operacións dentro do programa Leader 2014-2020.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada