Un Belén que reproduce as semellanzas entre Palestina e Galicia

O Belén Artesanal de Alxén está na casa parroquial de Alxén xunto a Igrexa.

O Belén Artesanal de Alxén está na casa parroquial de Alxén xunto a Igrexa.

“É unha obra realizada con moita ilusión, cariño e paciencia para que saia un bo resultado e para que tanto nenos como maiores desfruten dunha tradición tan bonita e de Nadal”. Isto di Marcos Blanco, autor do Belén Artesanal de Alxén, en Salvaterra de Miño.

A idea deste deseñador é reproducir a paisaxe de Belén que ten moitas similitudes coa paisaxe galega. Por iso desenvolve un traballo importante para facer unha réplica do relevo de Palestina coa montaña de Xudea.

Logo, Blanco distribúe as máis de 300 figuras por esta paisaxe atravesada por un río con auga natural e casiñas moi iluminadas. E tamén busca representar os oficios tradicionais  da época seguindo ese paralelismo de Palestina coa súa Galicia natal. O pastoreo, os ferreiros, os madeireiros, pescadores e lavandeiras, xunto co comercio, entre outros, están espallados por este nacemento salvaterrense.

Calcula este artesán belenista que cada ano inviste unhas 40 horas na realización do Belén Artesanal de Alxén. E leva xa 14 anos facendo este belén dunha data máis antiga. Máis de medio millar de persoas visítano cada ano.

Pódese visitar no salón parroquial ao lado da Igrexa Parroquial de Alxén desde o día 24 de decembro ata pasar Reis. Está aberto festivos e domingos toda a mañá e pola tarde dende as 16.00 ás 19.30 horas aproximadamente. Os demais días polas tardes co mesmo horario.

Incluso os visitantes teñen á súa disposición un Libro de Honra para deixar os comentarios que consideren oportunos.

Este Belén tan só recibe a axuda económica da parroquia salvaterrense de Alxén e o traballo altruísta de Marcos Blanco.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
11