Un total de 50 pemes benefícianse das axudas para a mellora da transformación dos produtos do mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, na Pobra do Caramiñal, durante unha visita realizada esta mañá á empresa de servicios loxísticos frigoríficos Alimentos Cruz del Sur (Alicrusa).

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, na Pobra do Caramiñal, durante unha visita realizada esta mañá á empresa de servicios loxísticos frigoríficos Alimentos Cruz del Sur (Alicrusa).

Un total de 50 pequenas e medianas empresas resultaron beneficiarias da convocatoria de 2017 das axudas para investimentos que redunden en melloras na transformación dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. Así o anunciou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na Pobra do Caramiñal, durante unha visita realizada esta mañá á empresa de servicios loxísticos frigoríficos Alimentos Cruz del Sur (Alicrusa), unha das beneficiadas.

A titular de Mar explicou que estas axudas aprobadas e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, supoñen un valor de máis de 8,3 millóns de euros e súmanse ás cifras da convocatoria de 2016, da que se beneficiaron 28 empresas por un importe superior aos 4 millóns de euros.

Segundo explicou Rosa Quintana, estas achegas teñen como obxectivo apoiar investimentos que realicen as PEMES e que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente. Tamén aquelas accións que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros aspectos.

En relación a Alicrusa, a conselleira expuxo que a axuda que se lle concedeu é para a optimización dos seus procesos e sistemas de xestión no tratamento de túnidos. Neste sentido, destacou o importante servizo que realiza esta empresa dentro da cadea de comercialización do sector do conxelado, xa que funciona como plataforma de almacenamento, fabricación e distribución dos produtos deste sector. Ademais, engadiu, dá servizo a diferentes usuarios como conserveiras, distribuidoras e armadores e nas súas instalacións teñen cabida diferentes especies, fundamentalmente atún, pescada e calamar.

Alicrusa

A empresa Alimentos Cruz del Sur (Alicrusa) fundouse no 2007, localízase no polígono industrial da Tomada e foi concibida como plataforma loxística de almacenamento e distribución. Conta cunha nave para preservar a conservación dos produtos almacenados, unha sala de elaboración, que permite ofrecer aos seus clientes produtos con destino á alimentación e unha zona destinada á descarga e carga de mercadorías. Ademais na súa parte superior alberga as dependencias do departamento de administración. Os seus clientes proceden principalmente de Galicia, Cataluña, Navarra e Portugal.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada