Concerto da Real Filharmonía de Galicia no Teatro Afundación de Vigo

O recital, dirixido por Manuel Hernández Silva, contará coa presenza de Pacho Flores, trompeta, e Leo Rondón, cuatro venezolano

Manuel Hernández Silva dirixirá á RFG.

Manuel Hernández Silva dirixirá á RFG.

Afundación, a Obra Social de ABANCA presenta un novo concerto, en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo, dentro da súa Tempada de Música Clásica, nesta ocasión a cargo da Real Filharmonía de Galicia. 

O evento terá lugar o 12 de xaneiro no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) a partir das 20.30 horas e contará con Manuel Hernández Silva como director. A agrupación interpretará Concerto para corno da caccia e corda, de Johann Baptist Georg Neruda; Bachiana brasileira, num. 5: Aria, de Heitor Villa-Lobos; Cantos e revoltas, de Pacho Flores; Redes suite, de Silvestre Revueltas; e Danzas ballet estancia, de Alberto Ginastera.

As entradas están á venda na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que implica unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.

A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.

Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada