O presidente da RAGC urxe acompañar a ciencia de calidade con mecanismos para transferir os seus resultados á empresa

A RAGC e a Axencia Galega de Innovación entregaron esta tarde os galardóns da terceira edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia.

A RAGC e a Axencia Galega de Innovación entregaron esta tarde os galardóns da terceira edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia.

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel Ángel Ríos, afirmou hoxe que “hai que producir ciencia de calidade, pero tamén poñer en marcha procesos que transfiran os seus resultados á empresa”. Durante a entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, celebrada esta tarde en Santiago, Ríos destacou que o desenvolvemento económico e o benestar social de Galicia dependen da capacidade das empresas para xerar riqueza e que a innovación baseada no coñecemento –e, polo tanto, na investigación– é a única fórmula para competir no mercado global.

Os galardóns, que este ano alcanzaron a súa terceira edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. O certame está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ratificou ao longo da súa intervención a aposta da Xunta por un modelo de investigación aberto e colaborativo para poder seguir avanzando na transferencia da tecnoloxía, co obxectivo de que a ciencia se traslade á sociedade en forma de novos produtos e servizos. Para iso, destacou a importancia de que o traballo científico que se desenvolve nos laboratorios sexa de interese para as empresas. Así, indicou que estes premios “son un modo de difundir este labor e o alcance da colaboración público-privada no eido da ciencia e da innovación”.

Conde destacou que, froito desta cooperación, están en marcha en Galicia 30 Unidades Mixtas de Investigación que a Xunta apoia e que dan emprego a 450 profesionais de alta cualificación, á vez que puxo en valor os programas encamiñados á retención do talento, que levan permitido a contratación de 300 investigadores e tecnólogos en Galicia e a creación ou mantemento de 430 postos de traballo cualificados. Ademais, subliñou que 10 proxectos de investigación ao ano se beneficiarán das axudas do programa Ignicia, dotado con 7 millóns de euros para apoiar o acceso ao mercado de 30 iniciativas ata 2020.

Asistiron tamén á entrega o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; o vicerreitor de Política Científica da Universidade da Coruña, Salvador Naya; a directora do Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, África González; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Luis León; a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López; e o director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto.

GRUPOS DE INVESTIGACIÓN

O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela. O obxecto principal do proxecto é a posta en valor do sangue procedente dos matadoiros a través da súa transformación en fariña de alta calidade. Isto supón eliminar o problema económico, medioambiental e mesmo de saúde pública que pode supoñer o tratamento do sangue como residuo, mediante a súa valorización nun produto de alto valor engadido, a fariña, que oscila no mercado entre os 600 e os 1.000 euros por tonelada.

Hiram Varela destacou que a convocatoria destes premios “é unha iniciativa que contribúe de forma rotunda ao fomento da actividade investigadora e o seu proceso de transmisión á industria”. Neste sentido, o seu colega da USC neste proxecto, José Manuel Magide, explicou que destinarán a dotación económica do galardón a construír un prototipo, que non só lles permitirá progresar na investigación, senón “lograr unha maior visibilidade de cara ás empresas ás que pretendemos chegar”. Segundo explicaron, a curto prazo pretenden formular fertilizantes e a medio prazo estenderán as aplicacións a piensos para acuicultura e alimentación de mascotas. No seu camiño ao mercado, obtiveron xa tres patentes, negocian con dúas empresas e proxectan constituír unha spin-off.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada