Luís González Tosar e Robert Pinsky, dous poetas convencidos do poder cívico da palabra poética

Luis Tosar foi Premio da Crítica Española, Premio da Crítica Galicia e Medalla Castelao.

Luis Tosar foi Premio da Crítica Española, Premio da Crítica Galicia e Medalla Castelao.

A sexta edición consecutiva do Ciclo POETAS DI(N)VERSOS –cuarta dende que se celebra no Ágora cun ámbito xa internacional- continúa este próximo luns 2 de marzo cun novo recital aberto a todo o público interesado. Será unha nova ocasión de gozar en vivo e en directo co mellor da poesía local e internacional, capaz de sorprender a propios e estraños. No Auditorio do Ágora da Coruña, a partir das 20.30h, volverase poder adquirir tamén os libros dos convidados e levar as súas sinaturas, se así se desexa.

 

O acto, de aproximadamente unha hora de duración, contará con traducións ao galego dos poemas que se reciten orixinalmente en inglés, a cargo da directora do ciclo Yolanda Castaño. Ademais, servirá tamén para presentar o primeiro libro en castelán do poeta americano, “Ginza Samba” (Vaso Roto, 2014).

 

Nesta ocasión, dende Massachusetts cruzará o charco o convidado a facer parella cun poeta galego, en pé de igualdade, sobre as táboas do mesmo escenario. Un recital que pretende poñer en valor a produción literaria de Galicia mentres se abren ben os ouvidos cara o que se escribe no resto do mundo.

Robert Pinsky.

Robert Pinsky.

Eles serán Luís González Tosar e Robert Pinsky, dous poetas convencidos do poder cívico da palabra poética, grandes embaixadores da poesía galega e estadounidense respectivamente. Incansables defensores do xénero poético, intelectuais cunha ampla proxección internacional e verdadeiros activistas da poesía, os dous recibiron algúns dos máximos recoñecementos de cadanseu país: Tosar foi Premio da Crítica Española, Premio da Crítica Galicia e Medalla Castelao, e Pinsky resultou nomeado Poeta Laureado do Congreso durante tres mandatos consecutivos. Se o primeiro preside o PEN-Club de Galicia dende hai vinte anos, o segundo recibiu o “Premio a toda unha vida” de parte da rama norteamericana do mesmo PEN Internacional. Tosar naceu na emigración –en Bos Aires- e retornou a finais dos 60; e hoxe preside a Fundación Ínsua dos Poetas e dirixe a Colección de Poesía Arte de Trobar. A sona de Pinsky nos EEUU é tal, que constitúe o único poeta vivo que ten aparecido na serie Os Simpsons.

 

Coma sempre dende hai xa seis anos, o ciclo deseñado pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño seguirá incidindo na súa alianza coas librarías de barrio, que achegarán volumes dos convidados. POETAS DI(N)VERSOS é unha iniciativa impulsada pola Concellería de Cultura da Coruña.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada