Os ‘Trens Turísticos de Galicia’ estrearán dous itinerarios máis en 2018: a Ruta dos Mosteiros e a ruta da Ribeira Sacra do Miño

tRENA directora de Turismo, Nava Castro, presentou hoxe en Fitur as novidades da sexta edición dos Trens turísticos de Galicia, unha das propostas máis exitosas dos últimos anos. Nesta ocasión, estrearanse dous itinerarios completamente novos que enriquecen este produto: a Ruta dos Mosteiros e a Ruta da Ribeira Sacra do Miño.

O expositor de Galicia na 38ª edición de Fitur, en Madrid, acolleu a presentación, na que tamén participaron o xerente da Área Comercial de Renfe, Javier Díaz Trisac, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, as tres institucións que fan posible os Trens turísticos de Galicia. Ademais, asistiu a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, responsable da posta en marcha desta iniciativa na súa etapa como ministra de Fomento.

As novas rutas presentadas achegan importantes atractivos, pois incorporan ao programa de visitas espazos emblemáticos do patrimonio galego como o pazo de Oca, os mosteiros de Carboeiro e de Oseira ou o templo da Veracruz do Carballiño. Os catro formarán parte da Ruta dos Mosteiros, que tamén se deterán nun balneario. O pazo de Oca incorpórase, así mesmo, á Ruta Ourense Termal e Versalles Galego, que experimentará melloras tras terse incluído no programa o pasado outono. Pola súa banda, a Ruta da Ribeira Sacra do Miño comprenderá na súa travesía os concellos de Monforte de Lemos ou Chantada, cun paseo en catamarán polo río Miño, adegas ou a visita ao Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao.

SOBRESAÍNTE ACEPTACIÓNS

Outro dos aspectos máis salientables da próxima edición dos Trens turísticos de Galicia será que diversas rutas contarán con teatralizacións, a cargo de actores caracterizados de personaxes históricos que farán unha serie de aparicións sorpresa ao longo do percorrido. Isto engade un novo atractivo para os visitantes, que o pasado 2017 procedían de ata 18 países diferentes e da práctica totalidade das comunidades autónomas españolas.

Nava Castro subliñou que os Tren turísticos de Galicia tiveron na súa última edición unha ocupación superior ao 86%. Ademais, varias rutas esgotaron os seus billetes, como o caso da Ruta dos Faros ou o Tren do Viño Ribeira Sacra, e varias estiveron preto, como os casos da Ruta polos pazos e xardíns históricos de Galicia ou a Ruta da lamprea, entre outras.

“Temos razóns para estar satisfeitos, pois hai un dato aínda máis importante: o 97,7% dos participantes nesta experiencia, recomendaríana. De feito, puntúana con 8,7 puntos sobre 10”, resaltou Nava Castro. Ademais, sinalou que se contabilizaron viaxeiros de países de catro continentes: Bélxica, Alemaña, Francia, Finlandia, Portugal, Polonia, Reino Unido, Italia, Xapón, China, Estados Unidos, Venezuela, Costa, Arxentina, Perú, Brasil e Sudáfrica.

Turismo de Galicia, Renfe e o Inorde seguirán traballando por mellorar cada detalle dos Trens turísticos de Galicia, tendo moi en conta as achegas dos visitantes nas súas enquisas. “Esta é unha proposta de calidade, tranquila e sustentable. É dicir, unha proposta que se parece moito a Galicia”, declarou Nava Castro na súa intervención, na que volveu agradecer a colaboración das diferentes institucións implicadas neste cada vez máis exitoso proxecto.

TREN PEREGRINO E GALICIA RAIL PASS

Finalmente, avanzou a previsión de manter o Tren Peregrino, entre Madrid e Santiago de Compostela, a través do Camiño Portugués. Esta viaxe, na que o tren se converte en hotel, facilita a realización de varias etapas do Camiño de Santiago e obter ao final a Compostela.

Do mesmo xeito, renovarase o Galicia Rail Pass, con prezos moi económicos para que os visitantes podan percorrer en tren Galicia cantas veces queiran ao longo de tres días.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada