O británico Kraemer á fronte da RFG

O mestre británico Nicholas Kraemer.

O mestre británico Nicholas Kraemer.

A Real Filharmonía de Galicia desprazarase esta semana á cidade de Lugo, onde ofrecerá un concerto no Círculo das Artes. A cita terá lugar o vindeiro mércores, 4 de marzo, ás 20.30 horas.

 

Nesta ocasión dirixirá a orquestra o mestre británico Nicholas Kraemer, director convidado permanente da Manchester Camerata, principal director invitado da agrupación Música do Barroco de Chicago e da Orquestra Sinfónica de Kristiansand (Noruega). Comezou a súa carreira como clavecinista, pasando rapidamente a dirixir dende o clave. Foi director asociado da BBC Scottish Symphony Orchestra, director artístico da Irish Chamber Orchestra e da London Bach Orchestra. Traballou coas mellores agrupacións de todo o mundo e ten colaborado en varias longametraxes, destacando en particular o seu labor como director musical barroco no filme A loucura do rei Jorge.

 

O concerto comezará coa Sinfonía da Cantata nº 174 “Amo ao Altísimo con toda a miña alma” de Johann Sebastian Bach (1685-1750). Compúxoa en 1729 e estreouna ese mesmo ano, baixo a súa dirección. O compositor traballaba como cantor e director de música da igrexa e coro da Escola de Santo Tomás en Leipzig. Como parte das súas funcións tiña que proporcionar a música para a misa dos domingos e dos días de festa. Así, Bach dedicouse durante cinco anos a compoñer cantatas, cunha media de sesenta ao ano e un total de 300 obras dunha gran calidade. Reutilizou algunhas destas pezas para crear obras maiores, como é o caso desta sinfonía.

 

A actuación concluirá coa Música acuática de Georg Friedrich Haendel (1685-1759), formada por tres suites. Estreouse no verán de 1717 por petición do rei Jorge I para ser tocada sobre o río Támesis. Ofreceron o concerto cincuenta músicos sobre unha barcaza que navegaba preto da embarcación do monarca e dise que este quedou tan impresionado que tivo que interpretarse tres veces durante a viaxe. A obra inclúe tres tipos de danzas da época: a chirimía, que é unha danza popular inglesa; o rigodón, unha danza francesa orixinaria de Provenza; e a bourrée, tamén francesa.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada

Etiquetas: