Galicia pecha definitivamente 2017 con case 5,1 millóns de turistas e márcase o obxectivo de continuar afondando na calidade en 2018

A evolución positiva obsérvase tamén na estadía media, na ocupación ou na rendibilidade dos negocios, parámetros que creceron durante o último exercicio.

A evolución positiva obsérvase tamén na estadía media, na ocupación ou na rendibilidade dos negocios, parámetros que creceron durante o último exercicio.

Galicia pechou definitivamente 2017 con preto de 5,1 millóns de turistas. Así se conclúe dos datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que completan a radiografía do pasado ano, período no que a nosa Comunidade se consolidou como un destino competitivo e desestacionalizado.

Por primeira vez na súa historia, Galicia superou os 5 millóns de viaxeiros aloxados nos seus establecementos turísticos, onde realizaron máis de 10,6 millóns de noites, tamén un récord. Ambos parámetros medraron un 3,2% e un 5,7% con respecto ao ano 2016 e consolidan así a tendencia favorable dos últimos cinco anos na nosa Comunidade. Esta evolución veu acompañada da mellora no resto de variables, como a estadía media, que subiu un 2,3%, a ocupación, que no caso dos hoteis se elevou en máis dun 4%, e a rendibilidade do sector.

A demanda mellorou tanto entre os viaxeiros nacionais como nos internacionais. A chegada de turistas españois incrementouse un 4,8% e aínda máis intensa foi á dos estranxeiros, que creceron un 8,6%, confirmando as previsións do Goberno galego e do propio sector privado. O turismo internacional marca así máximos históricos de volume e tamén no seu peso sobre o conxunto da demanda, pois acada xa o 28,7% por un 71,3% de españois. Isto consolida o progresivo cambio que está a experimentar o mercado turístico galego nos últimos anos.

Cómpre salientar tamén a evolución positiva de tipoloxías de aloxamento como os hoteis e os apartamentos turísticos, cun crecemento do 10%, ou o turismo rural, cunha alza do 5%.

O crecemento do número de viaxeiros en 2018 deuse como consecuencia do incremento de turistas durante todo o ano, especialmente fóra da tempada estival. Épocas como o outono foron especialmente satisfactorias. De feito, Galicia foi, con Aragón, a autonomía cunha maior suba no último cuadrimestre do pasado exercicio, cando as súas pernoitas hoteleiras subiron un 7,8%, un dato moi superior ao 1,4% de media rexistrado no conxunto do Estado.

TURISMO RURAL

A estes números contribuíu tamén decembro, cun aumento do 7% na cifra de visitantes e do 7,8% nas pernoitas, con preto de 420.000, a cifra máis elevada da última década. Os turistas aloxados medraron en todas as tipoloxías de establecementos e, no referido as pernoitas, é especialmente salientable o caso do turismo rural, pois a demanda subiu preto dun 24%.

Cos datos coñecidos este mércores, péchase o balance turístico de 2017, un ano no que se cumpriron as expectativas marcadas desde Turismo de Galicia grazas ao esforzo colectivo de todo o sector, con quen se traballa arreo na Estratexia do turismo de Galicia 2020. Así, o pasado ano, Galicia amosou que sabe crecer tanto en cantidade como en calidade.

Agora, encárase 2018 co obxectivo de afondar neste modelo, que foi exposto recentemente en Fitur, e que ten como principais piares a sustentabilidade e a excelencia, diversificando os fluxos, preservando o patrimonio natural e cultural e ampliando os circuítos turísticos con novos produtos e experiencias, tanto na costa como no interior, para que máis galegos poidan experimentar os beneficios socioeconómicos e culturais derivados desta actividade.

AXUDAS

Con este fin, Turismo de Galicia impulsa este ano un conxunto de axudas para o sector e para os concellos e outras administracións locais. En conxunto, superan os cinco millóns de investimento, cos que a Xunta fomenta a consolidación dun destino de calidade, responsable e diversificado, amais de accesible. Precisamente o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe varias desas liñas. Trátase, en concreto, das destinadas á cooperación entre pequenos operadores turísticos; das subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo entre os meses de xuño e setembro; dos Premios Camiño de Santiago e dos Premios Galicia Parabéns, entre outras.

A estas cinco liñas engádense as publicadas no DOG nos últimos días, como a prevista para estimular a renovación e as melloras nos establecementos turísticos de aloxamento e ás dirixidas a entidades locais para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas.

E, finalmente, unha oitava liña, que se publicará mañá xoves, para concellos co obxectivo de apoiar, promover e difundir as numerosas festas declaradas de Interese Turístico de Galicia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada