O 55% do leite galego prodúcese en sociedade

O titular da Xunta visitou esta mañá as instalacións da Cooperativa Aira, en Taboada.

O titular da Xunta e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá as instalacións da Cooperativa Aira, en Taboada.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ao sector agrogandeiro a seguir forxando alianzas para afrontar os grandes retos, producindo con calidade, cuns prezos sustentables, diminuíndo custos de produción e transformando a materia prima.

Nesta liña, subliñou que máis do 24% dos gandeiros galegos, ao que corresponde o 55% da produción, xa están unidos a través de distintas fórmulas: sociedades civís, sociedades agrarias de transformación, sociedades limitadas, sociedades anónimas, comunidades de bens ou cooperativas.

Durante unha visita á Cooperativa Aira, en Taboada, Feijóo referiuse a estas instalacións como un bo exemplo de todo o que está a facer ben o sector lácteo galego no camiño cara á vindeira década. Un camiño cara á innovación e xeración de valor engadido; cara á profesionalización e a remuda xeracional nas empresas agrarias; e cara á integración e a consolidación de economías de escala.

Nesta liña, subliñou que coa unión dos máis de 2.600 socios esta cooperativa deu un gran paso para aumentar a rendibilidade, mellorar a xestión das explotacións e fortalecer os seus balances; para integrarse mellor na cadea de valor agroalimentaria; e para demostrar que os gandeiros galegos están unidos para afrontar os novos retos do sector. Non en van, as cifras de Aira demostran a súa fortaleza con máis de 200 traballadores, unha produción leiteira de 310 millóns de litros ao ano e cunhas vendas consolidadas de 94 millóns de euros anuais.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou como proba da evolución que está a experimentar o rural que, entre 2017 e 2018, se están a poñer en marcha proxectos por valor superior a 200 millóns de euros para transformar produtos agroalimentarios, dos cales máis dun terzo corresponden ao sector lácteo. Referiuse, a modo de exemplo, a proxectos como a gran planta de transformación que está a construír Goodleit en Curtis; a nova liña de produción de queixos de Entrepinares en Vilalba; ou a ampliación da planta de Leche Celta en Pontedeume para elaborar leite pasteurizado.

Neste senso, destacou as máis de 1.300 axudas aprobadas polo Goberno galego para mellorar as explotacións e garantir a imprescindible remuda xeracional, cun investimento total máis de 52 millóns de euros. Deste xeito, máis de 460 mozos incorporáronse á actividade agraria e 850 persoas realizaron investimentos nas súas empresas co apoio da Xunta.

Así mesmo, destacou que grazas ao Programa impostos cero no rural en 2017 se levaron a cabo máis de 25.000 transaccións.

Por último, o presidente da Xunta concluíu resaltando as cifras do ano que acabamos de despedir que revelan que o agro galego está avanzando polo bo camiño, cunha produción de leite que creceu un 2,2%. E cuns prezos do leite que seguiron recuperándose, chegando a unha media de 32,2 céntimos por litro de leite (un 8,05% máis que o ano anterior e un 11,8% máis que hai dous anos).

A isto engadiu que, como resultado da combinación dos dous factores anteriores, en 2017 a facturación dos gandeiros galegos chegou aos 815 millóns de euros.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada