As cifras de desemprego situan a Galicia en niveis de hai 9 anos

Rexistrouse máis contratación indefinida e a tempo completo con respecto a hai un ano e tamén en comparación con decembro de 2017

Teamwork meeting concept.A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado correspondentes a xaneiro, un mes que se pechou coa maior caída do desemprego na evolución anual de toda a serie histórica (desde 1996): a baixada foi do 10,46%, o que supuxo 22.192 persoas menos no paro.

As cifras sitúan a Galicia en niveis de hai 9 anos e, ademais, tal e como salientou Toca, 1 de cada 3 parados abandonaron as listas do desemprego nos últimos 5 anos. Así mesmo, destacou que o paro leva baixando de xeito consecutivo desde hai máis de 4 anos.

Con respecto ao Estado, Galicia é a terceira Comunidade na que máis descendeu o desemprego, mantendo un diferencial con España superior en case tres puntos.

A secretaria xeral de Emprego sinalou que non só se reduciu o paro, senón que tamén se creou máis emprego e de calidade. Xaneiro pechouse con 22.714 afiliacións máis que hai un ano, o que supón unha subida do 2,39%, a maior dos últimos 10 anos. Deste xeito, xa son case catro anos, desde abril de 2014, de incremento nas afiliacións.

Con respecto á estabilidade laboral, rexistráronse máis contratos indefinidos e a tempo completo tanto na evolución anual como con respecto ao mes pasado e cun ritmo de incremento maior que o do Estado. De feito, Toca apuntou que en comparación con decembro de 2017, a contratación indefinida medrou en Galicia nun 41,86%, cuadriplicando o ritmo de subida da contratación temporal, e superando en case 10 puntos o aumento rexistrado no Estado (+31,96%). Ademais, con respecto ao mes anterior, a contratación temporal e a tempo parcial diminuíu, un síntoma de que, en palabras de Toca, demostra que o mercado de traballo galego segue recuperándose. En xeral, a contratación creceu na evolución anual nun 14,85%, rexistrando un maior incremento que o producido en España, que se situou no 7,12%.

O paro tamén baixou na evolución anual en todos os sectores, liderando o descenso a construción (-22,24%), seguido da agricultura e pesca (-13,81%), da industria (-13,52%) e dos servizos (-8,18%). Caeu, ademais, nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego e prioritarios na Xunta como son os menores de 30 anos (-10,80%); as mulleres    (-7,58%); e os parados de longa duración (-10,49%), cuxa redución significa que a metade dos desempregados que saíron do paro no último ano pertencían a este colectivo. Tamén descendeu o desemprego nas sete grandes cidades e nas catro provincias (Lugo: -13,80%; Ourense: -13,28%; Pontevedra: -10,79%; e A Coruña: -8,46%).

Con respecto á subida do paro con respecto a decembro de 2017, a secretaria xeral de Emprego sinalou que o paro sobe nos meses de xaneiro en toda a serie histórica debido á caída do emprego estacional despois da campaña do Nadal. Afirmou que, por iso, a Xunta segue traballando para que Galicia cree emprego, aínda que subliñou que neste xaneiro se produciu a menor subida desde o inicio da crise económica.

ESTRATEXIAS DE CREACIÓN

Para continuar mellorando o mercado laboral galego, a Xunta comezou o ano poñendo en marcha novas estratexias para crear “máis e mellor emprego”, segundo explicou Toca, como son o Plan Galicia Innova que mobilizará 1775 millóns de euros ata 2020 para impulsar a actividade económica e industrial e xerar emprego e benestar social a través da innovación co obxectivo de incrementar en máis dun 10% o persoal empregado na I+D, ata os 10.400, e dispoñer dun 15% máis de empresas con actividades innovadoras, ata superar o millar.

Así mesmo, a secretaria xeral referiuse ao novo Mapa de apoios do Igape para impulsar a innovación, a formación e a mellora da competitividade das empresas galegas co obxectivo de que as iniciativas empresariais non queden sen desenvolver por falta de axudas.

Por último, e en materia de emprego, Toca puxo en valor que neste comezo de ano xa están en marcha axudas por máis de 30 millóns de euros para facilitar o inicio de actividade a máis de 400 autónomos e a contratación en 190 empresas; os apoios do programa Aprol Economía Social para favorecer o emprendemento; ou o impulso da contratación en 700 pemes e empresas de base tecnolóxica. Ademais, abrirase tamén o prazo de solicitude para a contratación de 430 desempregados en 220 concellos a través do Aprol Rural. En definitiva, Toca afirmou que Galicia ofrece hoxe en día oportunidades para investir sendo un espazo propicio para xerar riqueza e emprender.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1