Rey Varela destacou o feito de que Galicia sexa hoxe unha das comunidades autónomas con máis axudas dirixidas ás familias e á infancia

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, interviu hoxe na Tribuna Galicia de Fórum Europa.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, interviu hoxe na Tribuna Galicia de Fórum Europa.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, abordou hoxe as actuacións de presente e futuro do seu departamento autonómico durante unha intervención na Tribuna Galicia de Fórum Europa organizada por Nova Economía no Hostal dos Reis Católicos e na que foi presentado polo presidente do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (Cermi), Iker Sertucha. Rey Varela defendeu a “política de feitos” do Goberno galego, que se evidencia no continuo incremento dos recursos económicos destinados ás políticas sociais desde a creación da Consellería e que este ano medran un 9%, tres veces máis que o crecemento dos orzamentos autonómicos, ata os 700 millóns de euros.

No seu relatorio, o conselleiro repasou as accións en desenvolvemento en materia social e tamén avanzou algunhas das novas propostas nas que se están a traballar desde a súa área, “en todas as cales as persoas están no centro e son a única prioridade”, dixo. Así no ámbito da familia e a infancia, destacou o feito de que Galicia sexa hoxe unha das comunidades autónomas con máis axudas dirixidas ás familias e á infancia.

Neste sentido, apuntou as principais melloras que no presente ano se incorporan ao Programa de apoio á natalidade (PAN), como a extensión da Tarxeta Benvida ata os 3 anos para familias con rendas que non superen os 22.000 euros, o reforzamento dos bonos Concilia e Coidado, a apertura de novas Casas Niño no rural e de escolas infantís en contornas empresariais, así como o aumento do número de prazas públicas ou financiadas con fondos públicos na rede autonómica de centros para nenos de 0 a 3 anos ou a ampliación das bonificacións nas taxas das mesmas. “A suma destes recursos sitúa a Galicia nunha ratio de atención en recursos de conciliación do 40%, por riba da media aconsellada pola Unión Europea”, sinalou.

No eido da infancia, Rey Varela avanzou a pronta posta en marcha do Observatorio da Infancia como garante da preservación e promoción dos dereitos dos nenos, ao tempo que se referiu ás iniciativas que se están a desenvolver en colaboración con outras Consellerías para previr o maltrato e os abusos sexuais no menor.

Tamén incidiu no “dereito de todo neno ou nena a ter unha familia”, poñendo de relevo o impulso aos programas de acollemento familiar que a Xunta leva a cabo con Cruz Vermella e Aldeas Infantis e cuxa contía sube este ano ata os 3,8 millóns de euros. “Destinar recursos e esforzos aos nenos, nenas e adolescentes é a mellor decisión que podemos tomar, xa que estamos a investir no futuro da sociedade”, subliñou.

Noutro orde de cousas, fixou como prioridade en materia de xuventude o novo decreto que desenvolverá regulamentariamente a Lei de Xuventude de Galicia, para o que se está a ter en conta aos colectivos implicados coa intención de dar resposta as novas necesidades e demandas que se presentan na actualidade, especialmente no ámbito do ocio e o tempo libre.

DEMOGRAFÍA

O conselleiro expuxo a atención aos maiores e a cuestión demográfica como unha oportunidade e un reto de país que precisan de “propostas de consenso e de futuro que vaian máis alá da lexislatura”, xa que a revitalización da poboación “é necesario abordala como un cambio estrutural e como a consecuencia dos cambios sociais, económicas e cultural dos nosos días”. De feito, reafirmou que a cuestión demográfica “debe formularse como un pacto de Estado lonxe de postulados ideolóxicos e con vocación de perdurar no tempo”.

Nesta liña do consenso e o diálogo enmarcou o novo Observatorio de Dinamización Demográfica, con representación de todos os ámbitos da sociedade e do que ten que xurdir un texto previo que fundamente a futura Lei de impulso demográfico de Galicia.

No que atinxe ao colectivo das persoas maiores, Rey Varela afirmou que “a aspiración é que Galicia sexa o mellor lugar para ser maior e para facerse maior de maneira activa”, posto que “o obxectivo non pode ser exclusivamente vivir máis anos senón vivilos mellor, con maior calidade de vida”.

Ao respecto, defendeu que o envellecemento da poboación é unha oportunidade de desenvolvemento social e económico, apuntando que sectores como a educación, a atención socio-sanitaria, a alimentación ou o ocio e o tempo libre constitúen ámbitos propicios para a xeración de emprego, de dinamización económica e de modernización de servizos dirixidos á xente maior.

Por outra banda, o titular de Política Social detallou tamén a mellora da atención á dependencia que experimentou Galicia nos últimos anos, pechando o exercicio de 2017 con 55.370 persoas con prestación e unha ratio de cobertura do 82,3%, sete puntos por encima da media nacional. “En Galicia máis de 8 de cada 10 persoas con dependencia recoñecida reciben prestación”, destacou, ao tempo que avanzou que “o obxectivo é acadar este ano os 60.000 dependentes atendidos, cumprindo así coa meta que nun principio nos tiñamos fixado para toda a lexislatura”.

DISCAPACIDADE E INCLUSIÓN

En materia de discapacidade, Rey Varela fixou como retos o desenvolvemento da Lei de Accesibilidade e o acceso ao emprego destes colectivos, xa que “as barreiras físicas non son as únicas que cómpre superar, outra barreira importante é a laboral”. Así, valorou positivamente que a última Oferta de Emprego Público da Xunta reserve un 15% de prazas para persoas con discapacidade, incluíndo por primeira vez ás persoas con discapacidade intelectual.

O despregamento da Rede Galega de Atención Temperá, a adaptación dos edificios da Xunta con pictogramas, así como do himno de Galicia á linguaxe de signos son outras das propostas a desenvolver no ámbito da diversidade para o que a Consellería destina este ano un 9% máis de recursos, superando os 100 millóns de euros.

No apartado de Inclusión, o responsable da área Social do Executivo autonómico dixo que o obxectivo “é que ninguén quede atrás nestes momentos de mellora dos grandes datos económicos”. O conselleiro puxo en valor o traballo coordinado que se está a realizar cos concellos e as entidades sociais a través da Axenda Social, e referiuse á nova Renda de Inclusión que contemplará melloras no tramo familiar e na inserción ao emprego.

Por último, Rey Varela insistiu no diálogo, o consenso, a colaboración, a coordinación entre administracións e coas entidades sociais para “sumar e conseguir desenvolver as mellores políticas sociais para Galicia”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada