A festa co concerto será mañá luns a partir das 17.30 horas no Museo Centro Gaiás

A Cidade da Cultura convida as familias ao seu ‘Entroido Mareiro’ cun baile coa música de Pablo Díaz e obradoiros

entroidoA Cidade da Cultura de Galicia convida as familias ao seu ‘Entroido Mareiro’ cun trouleiro baile de disfraces coa temática do mundo mariño para mañá luns, amenizado por Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc; e para ese mesmo día e ao seguinte (martes 13) cóntanse con obradoiros matinais para que a cativada elabore a súa máscara tradicional con materiais de refugallos.

O ‘Baile de Entroido Mareiro’ terá lugar no Museo Centro Gaiás, un edificio que precisamente a moitos visitantes lles lembra á silueta dunha balea, e que se transformará nun auténtico acuario mariño, xa que a temática de disfraces así o require, para unha festa rachada na que terán cabida mariñeiros, mariscadoras, sapoconchos, capitáns, piratas, sereas ou de todo aquilo que lle se lle pase polo maxín os festeiros participantes.

O baile, dirixido a públicos de todas as idades a partir dos 3 anos, comezará ás 17.30 horas cunha sesión de música típica destas datas de carnaval a cargo de Fixemberg DJ. A festa continuará ás 18:30 co espectáculo de música ao vivo de Pablo Díaz e a banda Tic, Tac, Toc, que sen dúbida farán gozar como nunca á cativada da casa na tarde do luns de Entroido.

OBRADOIROS DE MÁSCARAS

Este 2018 a Cidade da Cultura amplía a súa oferta de actividades de carnaval e, ao xa tradicional baile, engádense dous obradoiros de máscaras destinados a nenos e nenas de entre 9 e 11 anos. Os participantes nesta actividade partirán das máscaras do Entroido galego tradicional (pantallas, cigarróns, xenerais do Ulla ou peliqueiros), para reinterpretalas desde unha perspectiva libre creando deste xeito unha obra única e xenuína. Os rapaces e rapazas participantes deixarán vía libre á súa creatividade para fabricar a súa propia máscara, experimentando con diferentes formas e materiais e empregando obxectos cotiás e de refugallo, como teas, cartón, moqueta ou latas de refresco.

A temática do ‘Entroido Mareiro’ do Gaiás tamén estará moi presente nesta actividade e tanto as ilustracións da ‘mitra’ como outros elementos accesorios das máscaras estarán relacionados co mundo do mar. Os obradoiros realizaranse en dúas quendas, mañá luns e o martes, 13 de febreiro, en horario de 10:30 a 13:30 horas e as prazas son limitadas.

Tanto para o Baile de Entroido como para os obradoiros, as entradas teñen un prezo de 3 euros (+gastos de xestión) e xa están á venda no Museo Centro Gaiás, no web ataquilla.com, venda telefónica (902 504 500) e despachos de billetes de Ataquilla. Ademais, como todas as actividades da Cidade da Cultura, é posible acceder a diferentes descontos e ofertas, que se poden consultar en cidadedacultura.gal.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada