Galicia dá un paso máis na aposta polas enerxías renovables cunha planta de biomasa en Curtis e tres novos proxectos eólicos que suporán un investimento total de 207 M€

Imagen de un parque eólico.

Imagen de un parque eólico.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aposta do Goberno galego polas enerxías renovables cunha planta de biomasa en Curtis e tres novos proxectos eólicos que suporán un investimento total de preto de 207 millóns de euros.

No que respecta á planta de biomasa, Feijóo aseverou que a empresa implicada tramitou a solicitude de posta en marcha da nova infraestrutura a través da oficina Doing Business, para levar a cabo un proxecto que, cun investimento de 113,7 millóns de euros, entrará en funcionamento no primeiro trimestre de 2020, terá unha potencia de 49MW e permitirá a creación de 550 postos de traballo durante a súa construción e ao redor de 130 coa súa posta en marcha.

“Este proxecto encádrase na aposta que estamos a facer pola biomasa, un combustible autóctono, renovable e con capacidade para xerar emprego”, aseverou, lembrando que desde 2014 estase a desenvolver a Estratexia integral de impulso da biomasa con fins térmicos.

Así mesmo, cómpre salientar que as ordes de axudas deste ano para particulares, administracións locais, empresas e asociacións sen ánimo de lucro destinan 8 millóns de euros para a implantación de equipamentos de biomasa, o que se traducirá en investimentos finais por preto de 15 millóns.

Tres novos proxectos eólicos

Por outra banda, o presidente da Xunta anunciou hoxe que, tras a declaración o pasado mes de decembro de 18 parques e 14 infraestruturas de evacuación de interese especial, a Xunta sumará outras tres iniciativas máis, o que suporá un investimento global de 543 millóns de euros, a implantación de preto de 500 MW na Comunidade e máis de 7.000 empregos durante a súa construción e máis dun centenar tras a súa posta en funcionamento. Ademais de establecer un canon eólico de case 17 millóns de euros durante toda a súa explotación.

En relación aos tres parques, Feijóo explicou que, en concreto, trátase do parque eólico Picato e a súa infraestrutura de evacuación, situado nos concellos de Guntín, Lugo e Friol que, con 21 aeroxeradores e unha potencia de 42MW, terá unha produción anual de 120GWh. Os outros dous proxectos declarados de interese especial son repotenciacións a realizar na provincia da Coruña: o parque eólico de Zas (nos concellos de Zas, Santa Comba e Tordoia), cunha redución de 80 a 10 aeroxeradores, un incremento da potencia dos 24 aos 26,25MW e unha produción anual de 100,27GWh; e o de Corme (situado en Ponteceso), que pasa de 61 a 7 aeroxeradores, cun lixeiro aumento da potencia (de 18,3 a 18,375MW) e mantendo unha produción anual de 77,40GWh.

Estes tres proxectos, cun investimento asociado de preto de 93,3 millóns de euros, permitirán a creación de preto de 800 postos de traballo durante a súa execución e máis de 30 empregos estables durante o seu funcionamento.

Feijóo lembrou que a declaración de interese especial destes proxectos é unha nova figura introducida pola Lei de implantación empresarial, que permite a tramitación prioritaria destas actuacións, mantendo sempre todas as garantías urbanísticas, técnicas e medioambientais, co obxectivo de que se executen en Galicia proxectos de enerxías renovables no marco das poxas do Estado, tendo en conta que deben estar en funcionamento antes do 1 de xaneiro de 2020.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada