A Xunta e o Instituto Cervantes inauguran en Madrid a maior exposición sobre o fotógrafo galego Baldomero Pestana

Foto: Jose Manuel Peña Romay

Foto: Jose Manuel Peña Romay

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o director do Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet, inauguraron esta tarde en Madrid a exposición Baldomero Pestana. A verdade entre as mans, nun acto ao que asistiu tamén o director de Relacións Culturais e Científicas da AECID, Roberto Varela.

A mostra, organizada de maneira conxunta por ambas institucións, recupera e pon en valor a obra do fotógrafo galego, descoñecido para o gran público, pero todo un referente da imaxe da segunda metade do século XX. A exposición, comisariada pola especialista en arte contemporáneo e patrimonio artístico, a galega Chus Villar, e o escritor Juan Bonilla, poderase visitar na sede de Madrid do Instituto Cervantes ata o 8 de abril e no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura entre o 27 de abril o 2 de setembro.

Na mostra, a máis ambiciosa realizada ata o momento sobre Pestana (Castroverde, Lugo, 1917 – Bascuas, Lugo, 2015) exhibiranse 150 fotografías que inclúen retratos de escritores e intelectuais como Pablo Neruda, Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa, Man Ray, Dizzy Gillespie ou Adolfo Bioy Casares; así como imaxes de denuncia social tomadas durante o seu traballo como fotoxornalista.

RETRATISTA

No acto de inauguración, Román Rodríguez destacou a figura deste fotógrafo como “o gran retratista da cultura latinoamericana” e agradeceu a colaboración do Cervantes na organización dunha mostra que posibilita non só “rescatar a súa obra para a memoria artística de Galicia, senón divulgala no resto de España e en países do mundo Pestana”.

“Continuamos a traballar na recuperación do legado de galegos que construíron na diáspora unha obra memorable e que nos lembran que Galicia se estende ao outro lado do Atlántico, e a tantos territorios de Europa e América”, engadiu o conselleiro.

Foto: Jose Manuel Peña Romay.

Foto: Jose Manuel Peña Romay.

Pola súa banda, Juan Manuel Bonet resaltou que esta mostra “contribúe a descubrir un gran fotógrafo ao que moitos historiadores da fotografía non tiñan localizado”. “Pestana realizou retratos absolutamente inesquecibles e as súas imaxes teñen unha luz única, como nas obras mestras da fotografía, un aire case a pintura de Vermeer”, engadiu. Bonet sinalou tamén que a colaboración coa Xunta continuará con dous proxectos máis: o Xacobeo e Camilo José Cela. Así, anunciou que o Cervantes asinará un convenio para divulgar a obra do Nobel xunto coa Fundación Cela de Galicia, a Fundación Cela de Mallorca e a Deputación Provincial de Guadalaxara.

MESTRE DO RETRATO

Esta ampla retrospectiva dos traballos de Pestana invita a percorrer os lugares nos que residiu ao longo da súa vida. Dende o Bos Aires da súa infancia e xuventude; Lima, onde se instala en 1957, e París, na súa penúltima etapa antes de regresar a Galicia en 2008, onde deixou un legado composto por 17.000 negativos, unha enorme obra gráfica en gran parte inédita. Coñecido como gran mestre do retrato, na capital peruana foi onde se converteu no cronista gráfico da Xeración dos 50, que por entón despuntaba, retratando a escritores e intelectuais.

Destacan tamén as súas fotografías de vilas e cidades e as súas imaxes de denuncia social. Ata 1967 percorre o país traballando como reporteiro gráfico para as revistas Fanal ou Caretas, realizando tamén traballos para Unicef, a ONU, a International Petroleum Company ou para as revistas Time, Life ou Esquire. Exerceu un fotoxornalismo de corte humanista, inmortalizando a personaxes da rúa, en especial os máis desfavorecidos.

A mostra exhibe fotografías e documentos orixinais sobre a súa traxectoria profesional (libros dedicados, revistas, catálogos, follas de contacto… datados entre 1951 e 2008) e obxectos persoais como cámaras fotográficas e obxectivos. O proxecto conta tamén coa implicación dos familiares de Baldomero Pestana e responsables do seu legado, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira. O catálogo, editado en castelán, galego e inglés, reproduce todas as fotografías que compoñen a mostra e busca converterse nunha obra de referencia para todos os interesados na figura de Pestana.

Con motivo da exposición exhibirase unha peza audiovisual elaborada a partir do documental A imaxe reb/veleda, dirixido por Andrea Vázquez e producido por Miramemira, que se gravou durante os últimos anos de vida do fotógrafo, tras o seu regreso a Galicia.

ITINERANCIA

Tras a súa estancia no Instituto Cervantes en Madrid, Pestana, a verdade entre as mans chegará a Santiago de Compostela o 27 de abril, onde poderá visitarse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ata o 2 de setembro. Despois iniciará unha itinerancia por diversos centros do Instituto Cervantes, comezando polo de París, onde se exhibirá entre o 8 de novembro e o 31 de xaneiro de 2019.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1