Galicia reforza o seu sistema de protección á infancia con máis recursos para os centros de menores e para as familias de acollida

Baby girl warm jacket and cap c grandfather handsO conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, defendeu hoxe en sede parlamentaria a necesidade de continuar coa actual liña de colaboración co resto das administracións, institucións e entidades sociais na promoción do bo trato, a seguridade e os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, en especial, ante situacións de desamparo.

“Destinar recursos á infancia e á adolescencia é a mellor decisión que podemos tomar, xa que estamos a investir no futuro da sociedade”, sinalou para salientar o incremento en mais dun 52% do orzamento da área de Familia no último trienio ao pasar de 86,5 millóns de euros en 2015 –ano da creación da Consellería de Política Social- aos 133 millóns de euros do presente exercicio.

Na súa intervención, o conselleiro debullou os servizos e recursos cos que conta o sistema galego de protección social de nenos, nenas e adolescentes, indicando que na actualidade hai 2.472 persoas menores baixo a responsabilidade da Xunta, dos cales máis da metade están ao coidado de familias, ben propia ou de acollida. Ao respecto, apuntou que a Administración autonómica dá prioridade, sempre que sexa posible, á figura do acollemento familiar fronte ao internamento en centros porque “todos os nenos teñen dereito a ter unha familia”.

Nesta liña, Rey Varela puxo en valor e agradeceu a solidariedade das familias que acollen nenos en situación ou en risco de desamparo, que en Galicia ascenden a máis de 1.100. De feito, apuntou que este ano se dota de un millón de euros máis o crédito destinado á remuneración destas familias chegando aos 3,4 millóns de euros, ao tempo que se mellora o sistema de pagamento co obxectivo de que a familia extensa de acollida perciba unha axuda en todos os casos nos que os seus ingresos per cápita sexan inferiores a 7.500 euros.

O titular de Política social referiuse tamén ao aumento da partida económica destinada aos centros de atención e protección á infancia, que esta anualidade acada os 32,2 millóns de euros o que supón un 13% máis que en 2017. A rede autonómica de centros de acollida de menores conta con 73 equipamentos sustentados con fondos públicos e que suman un total de 1.170 prazas. Como novidade, o conselleiro anunciou a próxima entrada en funcionamento en Ourense dun renovado centro Montealegre tras investir 1,4 millóns de euros en diferentes actuacións de mellora que redundarán nun servizo que presta atención a menores con problemas de conducta

Os Centros de Intervención Educativa no Medio Aberta (Ciemas) para a execución de medidas xudiciais non privativas de liberdade, os programas de intervención coas familias, o programa de inserción socio-laboral Mentor ou as adopcións son outros servizos e recursos que forman parte do sistema de protección dos nenos, nenas e adolescentes da Xunta de Galicia que “dan resposta a situacións ás veces complexas nas que cómpre actuar con moita sensibilidade e garantindo sempre como única prioridade os dereitos do menor co fin de garantirlles un presente mellor e un porvir en igualdade de oportunidades”, declarou Rey Varela.

ANTE O MALTRATO

Durante a comparecencia parlamentaria, o responsable da área Social do Goberno galego fixo especial fincapé nas actuacións preventivas fronte a situacións de malos tratos, abusos e agresións sexuais na infancia e adolescencia.

Neste ámbito preventivo salientou que Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en adherirse á campaña europea de prevención da violencia sexual contra a infancia ‘Un de cada cinco’. Na actualidade a Xunta está a desenvolver a campaña ’37Mil sorriSOS’ e a iniciativa ‘Acendámola-luz’, que teñen por obxecto que os abusos sexuais a menores non queden ocultos.

A Consellería de Política Social tamén mantén importantes liñas de traballo conxunto coa Secretaria Xeral de Igualdade en temas como a prevención da violencia de xénero entre menores e as agresións sexuais contra os menores; e ademais ten en marcha as unidades de intervención ‘Liana’ para menores vítimas de abusos sexuais coa colaboración da Fundación Meniños.

No que atinxe a programas de detección, referiuse a dúas ferramentas: a liña telefónica de axuda á infancia (116 111) e o Rexistro Unificado de Malos Tratos Infantís (Rumi). O 116 111 é un teléfono gratuíto que funciona durante todo o ano as 24 horas do día, e que permite proporcionar unha atención inmediata a situacións urxentes, ademais de proporcionar aos menores unha vía de apoio e escoita das súas inquedanzas e necesidades. No ano 2017 este servizo atendeu 1.308 chamadas.

Pola súa banda, o Rumi é un dispositivo de notificación para denunciar sospeitas de malos tratos a disposición de máis de 2.000 profesionais dos campos educativo e policial e ao que se accede a través dunha páxina web.

NA ONU

Rey Varela aproveitou a intervención de hoxe no Parlamento para lembrar que o pasado mes de xaneiro Galicia representou ás comunidades autónomas no seo da delegación española que participou en Xenebra (Suíza) na reunión do Comité de Dereitos do Neno de Nacións Unidas e na que houbo a ocasión de afondar na análise da situación da infancia.

Neste foro púxose en valor a coordinación entre Estado e Autonomías na execución de políticas de protección e desenvolvemento integral dos menores. Unha colaboración que no ámbito de Galicia tamén se produce entre Xunta, concellos e entidades sociais a través da Axenda Social Única. En concreto, o conselleiro lembrou que entre outras medidas a axenda recolle accións específicas contra a pobreza infantil eun programa integral de intervención con nenos e nas menores de 16 ans en situación de pobreza e vulnerabilidade e as súas familias.

Por último, o responsable das políticas sociais da Xunta fixo un chamamento a “seguir sumando esforzos en preservar a seguridade, o benestar e os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes”, tal e como se fixo no ano 2011 coa aprobación por unanimidade de todos os grupos parlamentarios e a instancias de Unicef do Pacto Galego pola Infancia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada