Enso Innovation permite a redución do impacto ambiental mediante o uso de tecnoloxías

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, visitou as instalacións de Enso Innovation, que desenvolve a súa actividade na redución do impacto ambiental das industrias.

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, visitou as instalacións de Enso Innovation, que desenvolve a súa actividade na redución do impacto ambiental das industrias.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as instalacións da empresa Enso Innovation SL é unha empresa de base tecnolóxica cuxa actividade principal xira en torno ao asesoramento e o desenvolvemento de novos produtos e servizos aplicados á industria que permitan a redución do impacto ambiental mediante o uso de tecnoloxías facilitadoras como os materiais avanzados, nanotecnoloxías e biotecnoloxías. En concreto, o plan facilitou a obtención final de nanofibras e nanocristales de celulosa con características melloradas e de alto impacto desde un punto de vista técnico, económico e ambiental.

Enso Innovation é unha das beneficiarias das axudas do programa Innova Peme da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria. No percorrido polas instalacións, Rodeiro destacou que unha das prioridades da Xunta de Galicia “é, sen dúbida, a aposta pola innovación industrial, que ten que ser o principal motor para que o noso tecido produtivo gañe competitividade para acadar un crecemento económico sostible e de calidade”.

O programa Innova Peme ofrece axudas do 50% dos custos de implementación do plan de innovación da empresa, co obxectivo de que as compañías destinatarias teñan mellores indicadores de innovación; maior gasto e máis persoal para I+D+i, máis proxectos colaborativos e mellores opcións para participar en convocatorias internacionais.

Así mesmo, preténdese acadar que as compañías teñan máis produtos e servizos innovadores no mercado e mellores e máis eficientes procesos que as fagan máis competitivas. Esta é a primeira convocatoria de axudas individuais a fondo perdido especificamente destinadas a mellorar o desempeño innovador das microempresas, pequenas e medianas empresas galegas.

A axuda concedida pola consellería de Economía, Emprego e Industria a Enso Innovation supera os 88.000 euros para un investimento total no proxecto de máis de 177.000 euros. Para o seu desenvolvemento contará coa colaboración do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM). Na provincia os investimentos deste programa superan os 1,5 millóns de euros durante dous anos e subvencionan a posta en marcha de proxectos de innovación en 18 empresas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada