A Xunta destaca a importancia das políticas de prevención de riscos laborais para contar con empresas máis saudables

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na inauguración da xornada técnica ‘Empresas saudables. Máis alá da prevención’ organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na inauguración da xornada técnica ‘Empresas saudables. Máis alá da prevención’ organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na inauguración da xornada técnica Empresas saudables. Máis alá da prevención, onde destacou a importancia das políticas de prevención de riscos laborais para que o tecido empresarial galego sexa saudable.

Na iniciativa, organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), sinalou, ademais, a necesidade de que as empresas galegas continúen incorporando nos seus modelos de xestión medidas vinculadas á Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Así mesmo, puxo en valor a importancia da coordinación e colaboración entre as administracións e axentes sociais para mellorar as condicións laborais dos traballadores.

A secretaria xeral de Emprego, dun lado, apuntou que a Xunta traballa no eido da prevención dos riscos laborais, a través do ISSGA, que conta este ano cun plan de actividades que inclúe un total de 74 actuacións divididas en 7 eixos e cunha oferta formativa, que se impartirá en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas.

Toca destacou que se trata dunha iniciativa consensuada cos interlocutores sociais e que responde aos obxectivos da Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 que está desenvolvendo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA. A secretaria xeral de Emprego explicou que os retos neste ámbito son mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega.

Sobre a oferta formativa para 2018, Toca salientou que inclúe importantes novidades para dar resposta a cambios normativos e técnicos para clarificar e facilitar o cumprimento e adaptación ás novas obrigas en prevención de riscos laborais. Deste xeito, levaranse a cabo 50 xornadas técnicas centradas en temas novidosos como a volta ao traballo tras unha baixa de longa duración por accidente ou enfermidade ou a utilización de drons na supervisión das medidas de seguridade nas grandes obras de infraestrutura pública.

Así mesmo, desenvolverase formación dirixida a 1200 persoas: 12 cursos presenciais para 600 desempregados e ocupados, que se complementarán con 5 accións en liña para 450 persoas e un curso dirixido a 150 autónomos. Ademais, e, tal e como apuntou Toca, reeditarase a colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para incluír a saúde laboral en 54 centros de formación de Primaria, Secundaria e de Formación Profesional. Ademais, continuarase impulsando o labor da Escola Galega de Prevención. Toda a oferta formativa levarase a cabo nas 4 provincias galegas.

PLAN DE ACTIVIDADES

Con respecto ao plan de actividades do ISSGA, a secretaria xeral de Emprego salientou o programa integral dirixido á protección da maternidade no eido laboral a través dunha campaña na que se lembrará ás empresas as súas obrigas neste eido, ao tempo que se realizarán visitas para comprobar o cumprimento da Lei neste ámbito. Levaranse a cabo tamén actuacións de promoción de prevención de riscos laborais en sectores con alta presenza de mulleres para contribuír á integración da igualdade na xestión nos centros de traballo.

Doutra banda, a secretaria xeral de Emprego sinalou que o Plan de Actividades 2018 incidirá nos traballadores de máis de 55 anos, ao tempo que se realizarán accións de promoción do envellecemento activo. Así mesmo, executarase unha campaña dirixida aos traballadores tras unha baixa de longa duración por accidente ou enfermidade e porase en marcha o programa Alerta: pode haber amianto dirixido a administracións, autónomos, empresarios e traballadores en xeral para unha posible identificación de amianto en pequenas obras. Prestarse tamén especial atención aos sectores económicos con maiores índices de sinistralidade como o forestal, pesqueiro, o naval, a construción, o pequeno comercio de alimentación ou ás actividades relacionadas con augas mineiras e termais.

A secretaria xeral de Emprego, ademais, salientou a importancia de que as empresas galegas continúen incorporando nos seus modelos de xestión medidas vinculadas coa Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para que na súa actividade atendan de xeito equilibrado ás variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno. Indicou, ao respecto, que xestionar empresas rendibles de forma ética xera maior produtividade, lealdade ao cliente, acceso a mercados e credibilidade.

Para rematar, Toca apuntou que, aínda que queda moito traballo por facer, as empresas galegas cada vez están máis comprometidas coa RSE e coa implantación de boas prácticas relacionadas coa saúde o benestar no traballo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada