Elías Portela gaña o XII Premio de Poesía Afundación

PREMIO_POESIA_02O XII Premio de Poesía Afundación recoñece coa unanimidade do xurado a Elías Portela polo seu traballo Bazar de traidores, presentado baixo o lema Vaca insepulta. Hoxe deuse a coñecer o gañador do premio de poesía máis emblemático de Galicia que, tras a deliberación do seu xurado, reunido no Centro Cultural da fundación galega en Compostela, decidiu outorgar o galardón a este escritor de Cangas afincado en Islandia.
O xurado, integrado por Luís González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia, como presidente do xurado; Óscar Xabier Castro Martínez, secretario; Bieito Iglesias Araúxo; Francisco Pérez Lorenzo; María Dolores Villanueva Gesteira, valorou a innovación das imaxes e da estrutura da obra, a mestura dos rexistros culto e popular e a capacidade da crítica vitalista acompañada dun notable sentido do humor. Afirma o xurado na súa acta que o poeta actualiza o legado da vangarda histórica de Manuel Antonio usando unha linguaxe expresiva dun contexto contemporáneo, cosmopolita e á vez inserido nunha forte identidade persoal.
Así mesmo, o xurado destacou o gran nivel dos traballos presentados nesta convocatoria, feito que evidencia a boa saúde da creatividade dos poetas galegos e que deixa constancia de que a poesía está a vivir un momento poderoso e que asiste a un cambio de ciclo.
Na rolda de prensa posterior á deliberación do xurado, Luis González Tosar afirmou que «foi unha sorpresa abrir a plica e descubrir que gañador é un autor de referencia en lingua islandesa, consagrado de tal maneira, que falar de Elías en Islandia é falar da renovación da súa poesía nacional». Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia apuntou que «Elías Portela é un embaixador da cultura galega en Islandia, establecendo pontes entre ambos os países e só podo felicitar o xurado por tan destacada elección». A directora de Contidos Culturais de Afundación, María Teresa Cores, salientou que «Afundación considera imprescindible e estratéxico para a cultura e a lingua galegas fomentar o coñecemento do xénero poético a través deste premio literario, que se acaba de enriquecer cun nome tan internacional coma o de Elías Portela».

O premiado
Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981) é un poeta e tradutor en galego, español e islandés, lingua na que publica baixo o pseudónimo de Elías Knörr. A súa obra baséase nas posibilidades das palabras e na procura dunha inspiración completamente externa ao autor. Adapta nos seus textos imaxes e conceptos poéticos doutros idiomas, entre eles, unha lingua artificial propia, Lwyma.
En 2009 publica Imaxes na pel na editorial Morgante. En 2010 sae á luz o seu segundo libro en galego Cos peitos desenchufados en Edicións Barbantesa e recibe o premio Xohán de Cangas á Creación Literaria 2010.
A súa traxectoria en islandés comeza baixo o anonimato que crea co seu pseudónimo. Portela asina os seus poemas como Elías Knörr, ocultando así a súa orixe estranxeira, e creando tamén un heterónimo co que dialogará en Cos peitos desenchufados.
A partir de 2008, algúns dos seus poemas empezan a circular pola rede e a aparecer publicados na revista Stína Tímarit um bókmenntir og listir. Na primavera de 2010, a Poetry Society de Reino Unido escólleo como un dos 3 poetas máis representativos da lírica actual islandesa, e aparece publicado na centésima edición da UK Poetry Review xunto con Sjón e Kári Tulinius. En outubro de 2010 publica Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum aínda baixo pseudónimo na editorial Stella, aínda que o 24 de novembro dese mesmo ano, a editorial fai pública a súa identidade logo dunha excelente acolleita por parte da crítica.

Paralelamente á creación literaria, Portela traduciu varias obras da literatura islandesa actual: as novelas Skugga-baldur de Sjón e Anxos do universo de Einar Már Gudmundsson, obras polas que os seus autores recibiron o Premio Literario do Concilio Nórdico en 2005 e 1995 respectivamente; ademais das chamadas Sagas de Vinlandia: Saga dos groenlandeses e Saga de Erik o Vermello.
A poesía de Elías Portela baséase «na forza da imaxe poética e na procura dunha inspiración externa ao autor». «Se teño que abstraer e dicir concretamente sobre que escribo, a resposta son “categorías difusas”», explica. «Escollo ideas, conceptos, personaxes que por algún motivo non se adaptan a unha clasificación fixa, que non encaixan co esperado. Adoitan ser categorías desbotadas, pero por iso son máis interesantes e axúdannos a criticar a lóxica e os límites do noso razonamento. Ademais, para a arte non existe o concepto de lixo, todo se pode aproveitar».

O premio
O galardón botou a andar no ano 2002 por iniciativa do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas ou Yolanda Castaño, que foi a gañadora da anterior convocatoria. O premio implica a publicación do libro na colección «Arte de Trobar» e unha dotación económica de 6000 euros.

A presente edición, a duodécima, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do premio, contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega e, sobre todo, estimula a creación literaria. Afundación e mais o Centro Pen de Galicia, tras doce anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan a traballar por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

PREMIO_POESIA_02

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada