Un evento que aglutina tradición, diversión, cultura, música e gastronomía nun contorno único, a carballeira do Paseo fluvial do río Mendo

A televisiva Eva Iglesias e o gaiteiro Xulio Lorenzo, estrelas de Sementeira e Música en Corzáns

Trala presentación, con Eva Iglesias e Xulio Lorenzo, todos os membros da organización e a concelleira de Cultura, Marta Valcárcel.

Trala presentación, con Eva Iglesias e Xulio Lorenzo, todos os membros da organización e a concelleira de Cultura, Marta Valcárcel.

Eva Iglesias, colaboradora de Land Rober, vai ser a pregoeira da 12ª edición de Sementeira e Música o próximo 13 de maio contra as 13.00 horas. Xa pola tarde, a partir das 20.00 horas, o gaiteiro mosense Xulio Lorenzo ofrece un concerto folk. A organización conta con superar o número de visitantes que o ano pasado chegou a máis de 7.000. Un evento que aglutina tradición, diversión, cultura, música e gastronomía nun contorno único, a carballeira do Paseo fluvial do río Mendo.

Asociación Quinta do Piñeiro, da parroquia de Corzáns, presentou esta mañá en Salvaterra, no Museo do viño, este encontro, que terá como puntos fortes uns traballos de labranza e sementeira con bois e animados polo grupo Ronco&FoleLucernas. Tralo pregón de Eva Iglesias, almorzo campestre con carne ao caldeiro,  xamón asado, orella, empanada, polbo e viños de colleita e da DO Rías Baixas.

Para os nenos e nenas espectáculo de teatro infantil a cargo de Barafunda Teatro. Ás 16.00 horas, V Olimpiadas Agrícolas. Actuación do grupo folk ‘Tanto nos ten’.

“Unha celebración que naceu como unha homenaxe aos nosos devanceiros,  unha forma de enxalzar as tradicións da nosa terra ao redor dun programa cheo de actividades para todos os públicos”, aseguran desde a organización. “A festa da Sementeira nace do maxín de sete mozos da parroquia de Corzáns, como unha oportunidade de xuntar a mocidade e a xente maior arredor dunha labrada tradicional”.

“O que nun principio era un festexo de modestas dimensións, converteuse co paso dos anos e grazas ao boca a boca, ao bo saber facer e a unha programación repleta de actividades, nun evento multitudinario, chegando aos máis de 7.000 visitantes na pasada edición”.

“Unha festa –explica a organización- na que os visitantes poderán participar nunha labrada tradicional con bois. Apreciar  o bo saber facer dos artesáns que nos acompañan e admirar a exposición de aparellos de cultivo tradicionais e tractores antigos. Gozar dun xantar á antiga usanza, como nunha romaxe de antano, onde recrearse na compaña de veciños e amigos ao redor dunha tapa de carne ao caldeiro, polbo ou xamón asado. Divertirse nas nosas olimpíadas agrícolas que proporcionan os momentos máis cómicos da xornada, con probas tan singulares como o lanzamento de sacho, o movemento de marco ou as carreiras de sacos. Evadirse coa música dos mellores grupos do folk da nosa terra e desfrutar das marabillosas verbas dos pregoeiros que nos acompañan”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1