Educación amplía orzamento, prazas e países para que os docentes melloren as competencias en linguas estranxeiras

Ademais de Canadá e Portugal, o profesorado tamén poderá realizar a súa actividade de integración en Francia, mentres que na modalidade de curso formativo inclúese Reino Unido ou Irlanda, Alemaña ou a propia comunidade.

Ademais de Canadá e Portugal, o profesorado tamén poderá realizar a súa actividade de integración en Francia, mentres que na modalidade de curso formativo inclúese Reino Unido ou Irlanda, Alemaña ou a propia comunidade.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforzará este ano o programa PIALE, a través do que o profesorado realiza diversos itinerarios formativos para mellorar a competencia lingüística e comunicativa en lingua estranxeira. Tal e como se trasladou con motivo da Mesa Sectorial celebrada esta mañá, a nova convocatoria supón unha mellora con respecto á anterior tanto a nivel de orzamento, prazas, como países de destino en ámbalas dúas modalidades: actividades de integración ou curso formativo.

Neste sentido, o departamento educativo destinará ao programa máis de 1,2 millóns de euros, fronte aos 770.000 do ano pasado. Así mesmo, o total de prazas ascende a 335 –fronte ás 215 anteriores– e súmanse novos países de destino como Francia para as actividades de integración, así como Reino Unido ou Irlanda para a realización dos cursos.

INTEGRACIÓN

A primeira modalidade para mellorar a competencia en linguas estranxeiras baséase nun sistema de integración, un itinerario formativo en tres fases. Deste xeito, a primeira fase é un curso de formación dunha semana de duración en inglés, francés ou portugués. Terá lugar no primeiro trimestre do curso 2018/19 e organizarase na propia comunidade galega. Precisamente, unha das novidades deste ano é a introdución desta primeira fase.

A fase b, que ocupa catro semanas, céntrase na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros de Canadá, Francia ou Portugal. A última fase refírese á difusión da experiencia adquirida a través dunha memoria e dunha proposta de unidade didáctica na lingua obxecto de estudo.

Ademais dos destinos tradicionais de Canadá e Portugal, este 2018 introdúcese por primeira vez Francia en réxime residencial. Así mesmo, tamén se abre a oferta a especialistas das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), a mestres de educación infantil e a profesorado de FP e Ensinanzas de réxime especial, unha ampliación que se enmarca na extensión do ensino plurilingüe a todas as etapas grazas á estratexia Edulingüe 2020. O número total de prazas pasa das 100 do ano pasado ás 120.

100 PRAZAS MÁIS
A segunda modalidade desta formación está composta por cursos de 50 horas de formación que se desenvolverán no primeiro trimestre do 2018/19 en réxime residencial. En total, convocaranse 215 prazas, 100 máis que o ano anterior.

Ademais de Reino Unido ou Irlanda, Francia, Portugal e Alemaña, introdúcese un novo curso na propia comunidade. Neste sentido, e como principal novidade, o curso de inglés en Galicia será dunha semana de duración para profesorado non especialista de ensino primario e secundario e realizarase no mes de xullo.

O resto das actividades formativas –para profesorado especialista e non especialista en lingua inglesa en Reino Unido ou Irlanda, para especialista en francés en Francia, para docentes especialistas e non especialistas de lingua portuguesa en Portugal e en lingua alemá en Alemaña– terán dúas semanas de duración e o profesorado que participe será substituído nos seus centros durante este período. Cómpre ter en conta que, ata agora, estes cursos realizábase só durante o verán, polo que non era necesarias as substitucións.

A maiores desta fase formativa, os participantes deberán elaborar materiais na lingua obxecto de estudo durante o segundo trimestre do curso 2018/19.

REINTEGROS FORMATIVOS

Por outra banda, na Mesa Sectorial tamén se abordou a convocatoria de licenzas por formación, así como a orde pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado, non organizadas polas estruturas da Consellería, para o ano 2018. No caso dos reintegros, o departamento educativo incrementa o seu orzamento, pasando dos 60.000 euros aos 100.000, ampliando así os máximos por tipo de actividade. É dicir, o profesorado que realice algunha actividade formativa en Galicia recibirá un máximo de 150 euros (50 máis que o ano pasado) e 250 euros se a fai no resto do territorio español (100 máis que en 2017).

Outra das principais novidades é que se concederán reintegros por accións relacionadas co ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), en consonancia cunha das liñas estratéxicas da Consellería, recollida en Edudixital 2020.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1