Salón de Plenos do Concello de Ponteareas, a partir das 20.30 horas

Beto Luaces presenta o seu libro ‘Vicvs. Un lugar do común’

Amáis do Suído, a cidade de Vigo e a súa arquitectura configúranse como un protagonista máis do relato

Beto_LuacesA nova edición do ciclo ‘Venres D_letras’, que cada segundo venres de mes se desenvolve no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas a partir das 20.30 horas, terá como convidado a Beto Luaces, que presentará a súa primeira novela ‘Vicvs. Un lugar do común’, unha historia de intriga que se desenvolve en Vigo pero que ten as súas orixes na Serra do Suído.

O protagonista é Senén Barreiro, un arquitecto vigués en plena crise persoal, ao que unha chamada dende Venezuela dun vello amigo dos pais da súa época de emigrantes, será quen de mergullalo nunha trama que nace e morre na Serra do Suído, lugar de orixe da súa familia. E ao mergullarse irá descubrindo segredos familiares ligados a algunhas historias da emigración galega en Caracas, moi alonxadas do relato habitual e un tanto idealizado dos emigrantes, que eran completamente descoñecidos para el e nos que a súa propia vida e a dos seus achegados se verá en serio perigo.

Amáis do Suído, a cidade de Vigo e a súa arquitectura configúranse como un protagonista máis do relato, no que se recupera a memoria doutra obra que representa unha das xoias da nosa literatura, Viaxe ao país dos ananos, no que Celso Emilio Ferreiro denunciou en 1968 os fraudes e as malas prácticas de certos sectores da emigración galega en Venezuela.

O ciclo Venres D_letras terá continuidade o vindeiro mes de maio coa presentación do último poemario de Ismael Ramos, “Lumes”.

A concelleira nacionalista de Cultura, Hortensia Bautista, convida a toda a veciñanza a participar nos encontros dos Venres D_Letras.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada