O III Gastroforum de Turismo de Galicia centrarase no receitario tradicional coa participación de recoñecidos profesionais

Nava Castro presentou hoxe esta cita, dirixida a estudantes e membros do sector, que terá lugar a vindeira semana no Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Nava Castro presentou hoxe esta cita, dirixida a estudantes e membros do sector, que terá lugar a vindeira semana no Centro Superior de Hostelería de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe a terceira edición do Gastroforum, que terá lugar a vindeira semana no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) co título de Viaxe de volta ao receitario tradicional galego. Estas xornadas, abertas a estudantes e membros do sector, contarán coa participación de recoñecidos profesionais da Comunidade en mesas de debate e obradoiros.

No III Gastroforum citaranse, entre o luns 23 e o martes 24, un total de 14 restaurantes, 11 cociñeiros, sete xefes de sala e seis produtores, todos nomes avalados polo seu traballo e a súa traxectoria como Amelia González (Casa Solla, Poio), Cecilia Cermeño (Casa Calviño, As Neves) ou Lolita García (Casa Peto, Outes). Xunto a elas estarán chefs como algúns dos Estrela Michelin da Comunidade, caso de Pepe Solla, Rafa Centeno e Javier Olleros.

O obxectivo é promover a convivencia entre distintas xeracións de cociñeiros, afondando na necesidade de coñecer, revisar e saber actualizar a tradición culinaria dun territorio.

Haberá diversos obradoiros sobre produtos e elaboracións como a lamprea, a caldeirada ou a empanada. Neles participarán chefs como Iñaki Bretal, do Eirado da Leña, presente esta mañá como expoñente da cociña de vangarda do Grupo Nove. José Solla, presidente da Fundación Amigos da Cociña Galega e que vén de celebrar o seu 90 aniversario, participou en representación da cociña máis tradicional. Ambos estiveron acompañados, amais de por Nava Castro, pola directora de Profesionalización de Turismo de Galicia, Marta Fernández.

O foro contará con obradoiros sobre lamprea, caldeirada ou empanada, amais de mesas redondas e relatorios con distintas xeracións de cociñeiros, afondando na necesidade de coñecer, revisar e saber actualizar a tradición culinaria dun territorio.

O programa complétase con relatorios e mesas redondas sobre a situación da gastronomía galega ou do protagonismo da sala na restauración actual. Para iso, asistirán responsables de servizos como Marcelino Cambeiro, do Hostal dos Reis Católicos, Paco López, do restaurante España en Lugo ou Marta Fernández, de O Balado, en Boqueixón. Ademais, en colaboración coa Cátedra do pan e do cereal da Universidade de Santiago de Compostela, haberá un túnel do pan. Organizarase, así mesmo, unha xornada de visitas para coñecer in situ o traballo dos produtores e apreciar o patrimonio que constitúe a cultura gastronómica.

RAZÓN DE PESO

“A gastronomía posiciónase cada vez máis como un dos principais motivos polos que os turistas nos visitan”, declarou Nava Castro, quen sinalou que precisamente por este motivo “ter un sector cada vez máis profesionalizado repercute en que Galicia sexa máis valorada como destino e que o crecemento turístico que estamos a vivir continúe a ser de calidade”.

“O Gastroforum comparte os obxectivos do próximo Plan de Enogastronomía que estamos a impulsar desde a Xunta”, declarou a directora de Turismo de Galicia.

Nesta liña, subliñou que o III Gastroforum CSHG “comparte os obxectivos do vindeiro Plan de Enogastronomía” que a Xunta de Galicia está a impulsar nestes momentos. Esta nova folla de ruta porá énfase no vínculo da gastronomía co resto de elementos diferenciadores do turismo da Comunidade galega. Neste senso, avanzou que terán cabida tanto a cociña de vangarda como a máis tradicional, impulsando a competitividade do sector primario.

Entre os obxectivos, como expuxo a directora de Turismo de Galicia, está estimular a relación entre a cociña e os centros de investigación e innovación vinculados coa gastronomía e potenciar os produtos e receitas relacionadas con determinadas tradicións, épocas do ano ou zonas xeográficas, fins aos que está a contribuír o Gastroforum CSHG.

A PROL DA CALIDADE

Como lembrou, para poñer en valor os recursos de Galicia, é fundamental a permanente formación tanto dos futuros profesionais como dos que están a desenvolver a súa carreira.

A estes fins se enfoca o labor do Centro Superior de Hostelería de Galicia, con 300 alumnos e que suma tres edicións consecutivas deste Gastroforum, dedicado en anteriores ocasións a cuestións como a sustentabilidade ou a saúde. Esta actividade engádese a outras levadas a cabo nas últimas semanas, con éxito de asistencia, como por exemplo o Hotelforum ou Feminino Singular, amais de iniciativas como a Escola de Formación Itinerante.

A inscrición no III Gastroforum é totalmente gratuíta, co aforo limitado. Os interesados en participar nas diferentes sesións poden cursar a súa solicitude a través do seguinte enlace.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada