A Xunta abre unha bolsa de monitorado de tempo libre especialista en apoio a persoas con diversidade funcional

Read from my handsA Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abre unha convocatoria para que as persoas interesadas poidan formar parte dunha bolsa de monitorado especialista en diversidade funcional. Trátase de monitores e monitoras de tempo libre que conten con formación específica ou con formación acreditada neste eido.

O obxectivo desta iniciativa é que os mozos e mozas con diversidade funcional teñan a ocasión de vivir a experiencia de participar en igualdade de condicións e oportunidades nos campamentos da Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia, de tal xeito que os distintos espazos e actividades que constitúen esta campaña sexan verdadeiramente inclusivos.

As persoas interesadas deberán enviar a información relativa á súa formación e experiencia a través do formulario que está dispoñible no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Este departamento autonómico comunicará os datos facilitados á empresa ou empresas que resulten adxudicatarias do servizo de monitorado de apoio das persoas con discapacidade nos campamentos da próxima Campaña de Verán, coa finalidade de seleccionar os equipos de apoio.

A comunicación dos datos procurará información sobre monitorado coa formación e experiencia necesaria para tratar de garantir a participación plena das persoas con discapacidade nos distintos campamentos, pero non implica compromiso de contratación por parte da empresa adxudicataria. A presentación do formulario leva implícita a autorización para trasladar os datos consignados no formulario á empresa adxudicataria do servizo de monitorado de apoio.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado aposta pola importancia do tempo libre educativo para o desenvolvemento persoal e a socialización da xente nova, para a adquisición de valores e competencias, e para a promoción da cohesión social e o compromiso. Así mesmo, a diversidade funcional representa un escenario que require de novas realidades de traballo e da necesidade de transformar as accións para que os distintos espazos teñan un carácter inclusivo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada