Fernando Soares, poeta-actor: “Hai poemas que eu aínda non me atrevo a dicir”

Fernando Soares declamando poemas de poetas de Paredes e Galicia, no Centro Cultural de Paredes.

Fernando Soares declamando poemas de poetas de Paredes e Galicia, no Centro Cultural de Paredes.

É un humanista no máis amplo sentido. Un home de verbo doado e voz grave e melodiosa. Sempre interpreta os acontecementos e define as situación de xeito positivo e desde unha humildade vital. Namorado de Galicia, fala de irmáns, dunha fraternidade que inclúe ambas as marxes do Miño. “Pasar para un lado ou outro do río Miño, para min, é estar no mesmo sitio”. E engade: “A historia dos galegos e a historia dos portugueses non é máis que unha”.

Grupo ES. entrevista, no municipio de Paredes, no claustro do Mosteiro de São Pedro de Cête (século X), entre muros de estilo románico e gótico e a carón das tumbas dos cabaleiros nobres, o actor e poeta Fernando Soares.

30530650_1946445858708326_4828164451888791552_n

O director de Grupo ES., Roberto Ledo, durante a entrevista a Fernando Soares no claustro do mosteiro de são Pedro de Cête, en Paredes. PEPE OLIVEIRA.

A conversa vai tratar sobre a poesía, o teatro, o mundo empresarial… todo o que é visto polos seus ollos ten unha coherencia, unha unidade manifesta.

O día anterior ofreceu un recital poético para a viaxe de prensa da Entidade de Turismo Porto e Norte de Portugal e o Municipio, no que declamou poemas de poetas de Paredes e engadiu outros versos galegos en complicidade co público, xornalistas de Galicia.

Soares aproveita para alertar de que non existe moita poesía galega editada en Portugal e tampouco ha hai traducida para que un portugués sexa foneticamente correcto ao declamar.

Conta que ten traballado como xornalista. E defíneos como portadores de mensaxes, novas… que non sendo sempre boas…convértense nunha oportunidade para repensar as cousas, a vida, os homes, a historia.

POESÍA

“A poesía está en todo iso. O home creou poesía desde o primeiro momento do mundo, porque sempre houbo esta necesidade de irmos reinventando, creando, recreando a nosa propia historia”.

Relata a súa conversión á poesía. Todo comezou cando Fernando Soares era un combatente da guerra colonial portuguesa. En maio de 1974, atopábase en Guinea Bissau. Un domingo saíu cara a Senegal con outros compañeiros. Todos foron vítimas dunha emboscada de guerrilleiros. “Quedamos todos aterrorizados”. Soares dirixiuse ao grupo cun “Ei, camaradas…!”. A sorpresa foi que os guerrilleiros pousaron as súas armas e achegáronse ao seu vehículo… “Desde aquí comecei a reflexionar sobre a importancia dalgunhas palabras…da súa universalidade, da intensidade dalgunhas palabras”. Desde ese intre, decidiu: “Vou buscar, observar a importancia das palabras, dalgunha en especial e despois de todas as palabras”. E conclúe: “Todo iso é poesía”.

Fernando Soares asegura que a poesía o acompaña sempre porque se sente actor e é unha excelente ferramenta de traballo. “Cando un poeta prepara un poema, está a namoralo. Hai poemas que eu aínda non me atrevo a dicir”, razoa. “A primeira condición dun poeta é ser merecedor das palabras que está a dicir”.

É un traballo o do poeta semellante a un canteiro do mosteiro no que nos atopamos. Un proceso de namoramento que esixe atopar o rexistro vocal axeitado, a respiración… “Eu casei hai moitos anos coa poesía e son fiel a ela e espero ser merecedor das palabras dos poetas”. E vai máis aló e, agora, comprométese a se namorar e apaixonarse máis coa poesía galega.

ACTOR

A maior satisfacción do teatro, para Fernando, é estar a coñecer o seu corpo e a súa cabeza así como coñecer as palabras dos grandes dramaturgos que algúns foron tamén grandes poetas. Despois, valora tamén, poder compartir isto cas persoas, especialmente cos nenos e nenas. “Con aqueles que van quedar aquí, cando nós xa non esteamos”, di.

“O teatro –continúa- é unha excelente ferramenta. O proceso de aprendizaxe que é a vida, o teatro retrátao reformulando a realidade, transfórmase en moito máis cá propia realidade. O teatro ten a posibilidade de lle dar un carimbo artístico a unha cousa vulgar, común en calquera cousa e que nos vai tocar profundamente”. E niso, di, parécese á poesía.

“Cando nos sentimos tocados, sentímonos bendicidos. Cando os actores e actrices conseguen transmitir isto ao público, acontece o milagre do teatro”.

Soares concibe o inicio do teatro e da poesía desde que o home e a muller habitaron o mundo. “Cando xa non esteamos aquí, a poesía vai estar. O teatro, en cambio, non. Porque o teatro precisa da palabra e de alguén que o escoite. É absurdo facer teatro para un mesmo. O teatro precisa de ti, de nós… Ser actor é un gran privilexio e unha gran responsabilidade”.

Fernando Soares con el profesor Aires Montenegro que interpretó algún tema con su Nyckelharpa durante el recitial poético.

Fernando Soares con el profesor Aires Montenegro que interpretó algún tema con su Nyckelharpa durante el recitial poético.

E declamar, di Soares seguindo ao poeta de Porto, Manuel Antonio Pinto, “é unha forma de dicir poesía”.
Soares cre firmemente que o traballo artístico é sempre traballo que custa, esixe esforzo estar sobre un escenario. E considera no seu caso que “dicir poesía é unha dádiva que o Creador me deu”.

O traballo artístico é todo o que anda arredor do “sentimento” e que nos chega a través do “milagre artístico” ao sermos tocados…e que xustifica ese momento.

MUNDO EMPRESARIAL

Para este poeta-actor, unha empresa é unha figura “inevitable” no mundo de hoxe e “inseparable da vida”.
“Un empresario digno é un creador de cousas, un transformador, un creador de oportunidades para que poidamos ter unha vitalidade nunha determinada rexión”.

E continúa pasando polo seu corazón o concepto. “Unha empresa existe porque están alí homes e mulleres cos seus soños, coas súas esperanzas; ás veces, con algunhas inxustizas, porque onde median homes é exactamente así…”.

O mundo empresarial é “fundamental para a vitalidade, para a enerxía. Para garantir que nos organizamos con regras, deberes e tamén con dereitos e se poida facer deste planeta tan azul e verde –aínda que xa non o é tanto- un lugar extraordinario para reencontrarnos e crear un mundo fraterno dándonos oportunidades uns aos outros”.

Soares contempla tamén a empresa como unha “familia” que pode pasar que non sempre se entenda ben. E engade que o mérito das pequenas e medianas empresas é se reunir en pequenas comunidades aínda que os seus membros pensen de xeito diferente.

O obxectivo do lucro, ben levado, é favorable para todos: “Facer que unha empresa sexa cada vez máis rica… Se unha empresa fose rica, o seu empresario rico e se tamén fose xusto, todos seremos incomparablemente máis ricos”.

O único punto crítico que destaca este poeta-actor é a falta de maior aproveitamento das empresas da lei de mecenado en Portugal que podería beneficiar máis o mundo da cultura e á súa vez ao seu patrón.

En fin, Fernando Soares é tremendamente humano e humanista. Todo o pasa pola peneira do seu corazón. Unha maneira de entender e converter este mundo de salvaxe en humano e de humano en fraternal.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada