Publicación coeditada polo Consorcio de Santiago e Edicións Positivas

Réquiem polo compostelano edificio Castromil

Unha das últimas fotografías do inmoble.

Unha das últimas fotografías do inmoble.

O Consorcio de Santiago e Edicións Positivas acaban de publicar o libro De Quiqui Bar… a Castromil, de Francisco Macías, director de Edicións Positivas. Preséntase esta tarde na Fundación Torrente Ballester, ás 19.30 horas. No acto estarán, ademais do autor e coeditor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; e o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde.

O Quiqui Bar construíuse entre os anos 1925 e 1926 sobre un soar baleiro. O resultado foi un edificio modernista promovido polos composteláns Manuel Ramallo Gómez e Ángel Gontán Sánchez e ideado polo arquitecto coruñés Rafael González Villar. Con el elevouse a calidade dos establecementos santiagueses ata niveis nunca antes coñecidos. O máis avanzado da época no eido construtivo estaba alí, dende un chan poroso ata escaleiras de mármore, xunto ás súas famosas vidreiras. E poñía as novas músicas e os novos gustos ao alcance de todos, de xeito que non tardou en converterse nun símbolo de modernidade en toda Galicia.

Na planta baixa estaba o restaurante, rodeado dunha chea de mesas de mármore para xogar, sobre todo ao dominó e aos naipes. Na parte superior había salas destinadas ás tertulias e un amplo local para bailes, concertos… E mesmo había xa espazos para fumadores. A zona sur do edificio remataba nunha parede lisa á que se pegaban varios quioscos de venda de complementos para gozar mellor dos espectáculos ou dos xantares.

Anuncio del Quiqui bar, 1926.

Anuncio del Quiqui bar, 1926.

Se os Castromil continuasen vivindo no inmoble é posible que nunca se demolese

Pero a quebra económica chega en 1929 e aparece Evaristo Castromil, que compra o edificio para acoller as oficinas da súa empresa de autobuses, que se instalarán na planta baixa. A Comandancia Militar e a Subdelegación de Facenda pasaron a ocupar a parte superior. O empresario quixo vivir na planta superior pero a súa esposa non aturaba a contaminación que provocaban os autobuses nin o ruído. E foi esa, segundo distintas voces, unha circunstancia clave no futuro do edificio. “Se a familia Castromil continuase vivindo no inmoble é posible que nunca se demolese”, indica Francisco Macías.

“No ano 1972 a densidade do tráfico obriga a facer unha estación de autobuses, á que se traslada Castromil, deixando o que fora Quiqui Bar abandonado, silenciado e baleiro. En 1974 Santiago xa medrara moito e, co Ano Santo 1976 preto, os coches solicitaban paso para eles e os condutores aparcar o máis preto posible da zona vella e das súas casas”, explica o autor. Así, en maio de 1975 o Concello anuncia un concurso para a reordenación da entón chamada Praza de Gelmírez e para a construción e explotación dun estacionamento urbano e derribo das edificacións existentes. En setembro dese ano comezou o proceso de derrube do edificio Castromil, que rematou no mes de decembro.

O edificio derrubouse nunha época na que se desprezaba o antigo e os coches convertéronse no eixo do urbanismo compostelán

 

“O edificio modernista que naceu como Quiqui Bar e acabou sendo coñecido como Edificio Castromil é unha desculpa para falar da época da súa construción, da vida compostelá dos anos 20 do século pasado, da economía, a arquitectura, o urbanismo, a música, os cafés… da cultura. E, asemade, das épocas tristes que mataron este rexurdimento, os anos 70. E, como non, dos motivos e os protagonistas da demolición, e das resistencias e resistentes a tales intencións” -manifesta Francisco Macías-. O autor salienta que a finalidade desta publicación é “lembrar e, xa de paso, saber máis para coñecermos mellor Compostela”.

Estado actual.

Estado actual.

O autor destaca que De Quiqui Bar… a Castromil “ é unha historia da cidade. A destrución do casal que ocupaba todo o centro da actual Praza de Galicia sucedeu na época de inicio do desarrollismo, o que conlevou unha certa aculturización e falsa modernidade que desprezaba o antigo, e facía dos coches o eixo do urbanismo compostelán. A destrución deste edificio e de toda a praza é unha das primeiras vítimas do que algúns consideran aínda hoxe o auténtico protagonista das políticas urbanistas e económicas, o automóbil”.

Macías sinala que “se ben a resistencia á demolición foi escasa si que debemos recoñecer e loar todas as persoas e organizacións que se opuxeron e mesmo traballaron en facer propostas alternativas aos intentos municipais de demoler unha riqueza só para construír un aparcadoiro. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e principalmente determinados arquitectos, loitaron por protexer un ben común, un inmoble fermoso e útil para a poboación”.

“Como o edificio Castromil segue na memoria dos composteláns, é polo que publicamos este libro, para comezar a aclarar unha cronoloxía da vida do edificio, da praza, e mesmo dalgúns aspectos da cidade e dos protagonistas. Aínda hoxe non se comprenden nin se aceptan os motivos da demolición, motivos que si se entendían naquela época recente”, apunta o autor.

Proposta socio cultural de los arquitectos.

Proposta socio cultural de los arquitectos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada