58ª Festa da Lamprea de Arbo

Horacio Gil, alcalde: “Entre todos conseguimos que Arbo sexa coñecida e recoñecida como lugar de peregrinación gastronómica”

Martín Barreiro, meteorólogo: “Nós podemos ameazar a súa existencia, despois de todo o que resistiu”

En Arbomostra degustando un Rías Baixas e a lamprea, o sábado durante a 58ª da Lamprea de Arbo.

En Arbomostra, degustando un Rías Baixas e a lamprea, o sábado, durante a 58ª da Lamprea de Arbo.

A “cultura do río, amor polo río e pola tradición, é sentir propio dos arbenses que conformaron unha cultura única”, dixo o alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito, antes de presentar o pregoeiro desta 58º edición da Festa da Lamprea, Martín Barreiro.

Gil aludiu ás máis de 270 pesqueiras como “pezas etnográficas únicas” e “que nos legaron os romanos”.

Lembrou tamén as 13 cociñeiras arbenses distinguidas este ano por levar a cabo as receitas maxistrais de preparación do ciclóstomo nos restaurantes do municipio. “Saben preparar esta delicatessen”, dixo, tanto seca como rechea, á brasa, en empanada ou, a principal e máis propia deste territorio, lamprea á arbense.

Horacio Gil lembrou que aquel primeiro xantar de lamprea que se celebrou en 1961, no que compartiron mesa e mantel veciños, empresarios e comerciantes de Arbo co seu alcalde á fronte, Luís Cubelas, foi o inicio da Festa. Gil Expósito cualificounos de “visionarios” porque intuíron “a esencia fundamental” da lamprea como é hoxe: “motor principal da nosa economía e referente das nosas tradicións”, dixo o alcalde.

Sobre os visitantes –que na edición anterior foron máis de 30.000 persoas e que dixo esperaba superar- , neste territorio “descobren as marabillas culinarias destas terras e a beleza do seu contorno”.

“Entre todos –afirmou o alcalde arbense- conseguimos que Arbo sexa coñecida e recoñecida como lugar de peregrinación gastronómica”. E concluíu que Arbo “é a capital mundial da lamprea”.

Logo pasou a presentar o pregoeiro, Martín Barreiro, meteorólogo e comunicador, actualmente na Televisión Española.

Gil comparou o traballo das cociñeiras da lamprea co traballo do meteorólogo. Ambos son unha arte efémera, dixo. A predición do tempo precisa dun traballo previo intenso que se vai resumir nuns minutos escasos cando se traslada ao público. A lamprea tamén precisa dunha preparación laboriosa –continuou o alcalde- por parte da cociña e logo  “é devorada con fruición polos ávidos comensais”; “tan só as mans expertas de cociñeiros/as arbenses son capaces de elevar á súa máxima expresión”.

Por outra banda o meteorólogo lucense falou do clima e a lamprea, que fiou moi ben. Barreiro subliñou o carácter prehistórico da lamprea que leva más de 450 millóns de anos sobre a terra e que superou todas al glaciacións, incluso a terceira do Paleozoico. Incluso sobreviviu aos dinosauros do Cretácico. Superando unha extinción masiva na terra hai 65 millones de anos.

Martín Barreiro gabou a pesca tradicional e sostible da lamprea que se fai en Arbo e prometeu ser mensaxeiro deste bo facer. Porque existe o perigo de que “nós podemos ameazar a súa existencia, despois de todo o que resistiu”.

Entre os convidados estaba a presidenta do Congreso, Ana Pastor; a subdelegada do goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; deputados provinciais como Belén Villar, Dina Rivas e Javier Dios, así como directores xerais de Administración local e Desenvolvemento Rural e alcalde da comarca O Condado e A Paradanta e o alcalde antecesor, Manuel Rivera.

Horacio Gil tamén se solidarizou coas familias dos dous pescadores lusos falecidos e o pescador desaparecido.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
11