Pertencente ó Grupo Gestán, situada nas Pontes

Biomasa Forestal, a industria do pellet local

O certificado de Galicia Calidade garante que ao menos o 80% da materia prima é galega

Os irmáns Pardo Longueira, conselleiros delegados e accionistas de Biomasa Forestal nunha fotografía remitida pola empresa.

Os irmáns Pardo Longueira, conselleiros delegados e accionistas de Biomasa Forestal, nunha fotografía remitida pola empresa.

Os montes galegos berran por unha explotación axeitada. Neles está a biomasa, unha riqueza aínda por explotar. Unha enerxía renovable e autóctona que non contamina fronte aos combustibles fósiles. A que agardamos para apuntarnos ó carro da eficiencia enerxética e a redución de emisións?

A firma Biomasa Forestal aposta pola fonte máis antiga, a madeira, como mellor alternativa. A súa misión é crear un subproduto da madeira, el pellet que permite aproveitar todo o que sobra da madeira, como as caixas de froitas ou os palés. Se o bosque ou monte está ben xestionado, podemos conseguir unha das fontes de enerxía máis límpidas e renovables no noso propio territorio. Segundo a compañía, en España temos 12 millóns de toneladas que podemos usar tódolos anos grazas á Natureza.

Os pellets son “materia prima local para fabricar un combustible local que se consome localmente”, en frase da Asociación de Valorización Energética de la Biomasa, Avebiom.

A empresa Biomasa Forestal pertence ó grupo Gestán desde que adquiriu a planta en 2012. A empresa tiña unha traxectoria anterior de 6 anos.

Os novos propietarios, os conselleiros delegados, Luz Pardo Longueira e o seu irmán Luis, investiron, dous anos despois da adquisición da planta, 450.000 euros en maquinaria de proceso e en instalacións de almacenamento. En 2015, o investimento foi superior, chegando case a 800.000 euros. Así Biomasa Forestal acumula un investimento de 2,14 millóns de euros en tres anos.

A planta pasou de 5 a máis dunha vintena de traballadores en época alta. Logo viría a ampliación de capital de 1,7 millóns de euros, achega de Xesgalicia (Sociedade Xestora de Entidades de Capital de Risco da Xunta de Galicia) e García Forestal, abastecedora de materia prima da planta. O capital actual sitúase en 4,8 millóns de euros, repartido do seguinte modo: Nuevas Tecnologías y Bioenergía SL (Grupo Gestán), o 60%; Xunta de Galicia (Xesgalicia e o Inega), o 26%; e o Grupo García Forestal SL, o 14%.

Biomasa Forestal conta cunha capacidade de procesamento de 70.000 toneladas anuais e é líder nacional en produción e exportación  con case 40.000 toneladas, a maioría á UE.

Todo fai pensar que o negocio irá a máis. O aproveitamento forestal en España sitúase actualmente nun 35%, fronte ao 65% da UE. En 2010, en España a produción era de 100.000 toneladas, e en 2015, foi de 500.000. Mentres que, na Unión Europea, o actual consumo sitúase nos 12.9 millóns de toneladas por ano.

En 2017, a firma instalada nas Pontes destinou un 60 % das vendas á exportación; 40% a consumo nacional. Galicia supón xa o 70% do consumo nacional e o 25% do total da produción. O seu crecemento en facturación (+40% exercicio 2016) de Biomasa Forestal é polo aumento de unidades de venda (30% unidades de venda) e polo aumento dos prezos (+8%). Segundo a compañía, Galicia é un mercado en crecemento, tanto en estela como en pellet. Biomasa Forestal asegura que está capacitada para atender as demandas internas.

Biomasa Forestal considera estratéxico crecer no mercado doméstico polo crecemento continuo na demanda do produto ensacado e a estabilidade dos seus prezos. A empresa non ten previsto a produción de pellet industrial para consumo das centrais térmicas.

O crecemento de vendas vén derivado do encarecemento dos combustibles fósiles o que fai que moitas caldeiras multiproduto se volvan ó consumo de pellet por rendibilidade. Por outra banda, o desenvolvemento e crecemento no sector da biomasa ten gran percorrido tanto en España como en Europa nos vindeiros anos. A previsión de crecemento para 2018 é do 8% en unidades de venda de pellet e os novos produtos suporán un 5%. Tamén nos prezos do produto se agárda unha recuperación razoable similar ó ano 2017, co que se situará en niveis de 2013-2014, onde a produción é rendible. O ebitda previsto sitúase por riba de 800.000 euros.

PROCESO PRODUCTIVO

A obtención dos pellets a partir de madeira require da realización dunha serie de procesos físicos que permitan pasar do tronco de madeira, o puntal, ata o material granulado que é o pellet. Non precisan ningún compoñente químico adicional. Os procesos que actúan fisicamente sobre a biomasa e que están asociados ás fases primarias de transformación, dentro do que pode denominarse fase de acondicionamento, como estelado, labrado, secado, refinado, densificado e arrefriado para o seu posterior almacenamento.

A instalación conta con dúas liñas de pelletización. O pellet que se obtén nas pelletizadoras  quéntase debido á fricción xerada no proceso, polo que existirá unha calor adicional nos pellets que debe ser extraída antes do seu almacenamento.

I+D

A empresa está inmersa na actualidade en tres proxectos de innovación. O Plan de Dixitalización, na súa segunda fase, busca continuar coa automatización de procesos e a mellora da fabricación industrial. O INBIO 4.0 que abrangue diversas actuacións nas áreas de produción e mercadotecnia (trazabilidade de stocks, implementar a canle online coa física, estudos e investigación de novos produtos…). O terceiro, o ENERBILOG, programa de loxística innovadora da biomasa.

Froito do programa piloto Industria 4.0, promovido polo Ministerio de Industria, Biomasa Forestal lanzou a finais do ano pasado, unha nova aplicación de venda directa. Unha App que os usuarios poden descargar no móbil coa que pode accederse a todo tipo de detalle e información sobre os pellets que fabrica así como a súa compra de forma directa, rápida e sinxela.

NOVOS PRODUTOS

Biomasa Forestal ademais do pellet ensacado está a producir dous novos produtos no mercado: a estela certificada e o absorbente hixéinico para mascotas, o PET. Este ano está previsto desenvolver estas novas liñas de negocio ademais de ampliar a carteira de clientes de pellet premium para uso térmico.

Para a produción de estelas púxose en marcha unha nova liña na sede das Pontes. O novo secadoiro co obxectivo de manter ou aumentar a produción no período invernal, momento en que a plusvalía é máis elevada. Así mesmo, conseguirase fabricar estelas por debaixo do 20% de humidade para ser usadas como biocombustible en grandes caldeiras industriais existentes actualmente en Galicia como as dos hospitais, piscinas, balnearios, industrias conserveiras…entre outras.

O maior fabricante de pellet ten todas as certificacións posibles –ENplus A1, DINplus, PEFC, Huella de Carbono, BSL, SBP-   ademais do certificado de Galicia Calidade garante que ao menos o 80% da materia prima é galega. Desta forma, garántese a trazabilidade e a calidade deste combustible feito en Galicia, fundamentalmente de piñeiro.

Actualmente a capacidade da planta das Pontes é de 75.000 toneladas anuais, aínda que a produción real é arredor das 65.000 toneladas de pellets. Para isto ten que procesar 140.000 toneladas de materia prima procedente de produtos e residuos forestais de fontes legais e sostibles.

“Desde os seus inicios Biomasa Forestal está firmemente comprometida coa calidade ó máis alto nivel. A calidade é, ademais dun medio, un fin en si mesmo e unha filosofía empresarial para a nosa compañía”, ten escrito a conselleira delegada, Luz Pardo.

Biomasa Forestal foi galardoada na primeira edición dos Premios Galicia de Industria 2016 por ser “o mellor proxecto de organización industrial”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
21