Ao latexo das letras homenaxeará a María Victoria Moreno coa música e a palabra en Galicia e en Portugal

Participan nesta nova proposta Óscar Ibáñez & TRIBO, a poeta Tamara Andrés e gaiteiros e bailadores convidados.

Participan nesta nova proposta Óscar Ibáñez & TRIBO, a poeta Tamara Andrés e gaiteiros e bailadores convidados.

Ao latexo das Letras, a nova proposta musical do gaiteiro e frautista poiense Óscar Ibáñez, homenaxeará a María Victoria Moreno coa música e a palabra en Galicia e en Portugal. Así o deron a coñecer hoxe pola mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañados de Óscar Ibáñez e da poeta Tamara Andrés. A xira inclúe concertos, do 5 ao 18 de maio, na Illa de Arousa, en Melide, na Estrada, en Lisboa e en Ponte de Lima, coa participación de Óscar Ibáñez & TRIBO e da poeta Tamara Andrés, ademais da doutros moitos gaiteiros e bailadores convidados.

“Ao latexo das Letras fusionará a música coas palabras de María Victoria Moreno, a través dos seus textos, para festexar o 17 de maio, cunha proposta que quere sumar a lingua galega e tender pontes cara a lusofonía para facela tamén partícipe desta data tan sinalada para nós”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, quen salientou que se trata dunha iniciativa apoiada polo seu departamento no marco da programación institucional das Letras Galegas 2018 posta en marcha desde a Xunta e do desenvolvemento da coñecida Lei Paz-Andrade.

Pola súa banda, Jacobo Sutil indicou que os dous concertos que integran a xira desde as redes de distribución da Agadic responden a dous modelos distintos de dinamizar a cultura no noso país e de facela accesible ao maior número de espectadores. “Son dous xeitos complementarios de programar espectáculos, e tamén dúas maneiras diferentes que se ofrecen ao público para gozar das propostas producidas polos artistas e creadores galegos”, expresou. O director da Agadic aproveitou a presentación para destacar o papel determinante do noso idioma na creación e na existencia actual dunha industria cultural galega propia, así como o mérito dos músicos galegos que, como no caso de Ibáñez, buscan novas fórmulas para transmitirlle ao público non só o seu virtuosismo interpretativo, senón tamén o seu traballo investigador sobre a nosa tradición cultural e musical, á que incorporan unha mirada actualizada para transformala en espectáculos propios do século XXI.

CINCO CITAS

Os concertos de Melide e da Estrada cos espectáculos Alén do mar e Ponte Atlántica respectivamente, forman parte das redes Cultura no camiño -a programación que a Consellería de Cultura, a través da Agadic, mantén xunto con Turismo de Galicia e co patrocinio de Gadis para levar ata o 30 de setembro un total de 342 funcións e concertos por 103 concellos galegos polos que discorre algunha das rutas xacobeas- e Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC, como parte do calendario para o primeiro semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O conxunto do ciclo conta ademais coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Así, a música de Oscar Ibáñez e os textos de María Victoria Moreno na voz de Tamara Andrés poderanse gozar o 5 de maio no Auditorio da Illa de Arousa; o 13 de maio na Festa do Melindre de Melide; o 16 de maio no Teatro Principal da Estrada; o 18 de maio en Lisboa, no marco do Festival Internacional da Máscara Ibérica e o 19 de maio no Expolima Pavilion de Ponte de Lima, dentro da programación do Festival Inter-Atlántico de Gaita de Foles.

A entrada para o concerto no Auditorio da Illa de Arousa é de 12 €, anticipada 10 € disponible en liña en www.ticketea.com e física no Bar O Museo, Lotaría San Xulián e Gradisela Arousa. A entrada para o Teatro Principal da Estrada é de 5 € e está dispoñible no departamento de Cultura do Concello da Estrada. Os concertos de Melide, Lisboa e Ponte de Lima son de balde.

ÓSCAR IBAÑEZ & TRIBO, TAMARA ANDRÉS E GAITEIROS E BAILADORES CONVIDADOS
Óscar Ibáñez é un gaiteiro e frautista que fusiona a música desde a raíz, a medio camiño entre a investigación e a creación, e que dá como resultado un novo e único son. Desde os seus comezos en distintos grupos de música tradicional, cos que percorreu Europa enteira, e participou en numerosos concursos de prestixio de gaita galega nos que acadou máis de 40 recoñecementos.

Participou en máis de 20 traballos discográficos, entre os que destacan Alén do Mar (2012) e Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela no 25º aniversario do seu pasamento (2017), e publicou os libros-cd Os montes de Lugo (2007), O quinteto Monterrey de José Posada. Nos xardíns da Tropical (2009) e Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó. Gravacións históricas de Xosé Filgueira Valverde (2015).

Coa banda Óscar Ibáñez & Tribo, levou a súa música por toda la península, Bretaña e Italia e participou nalgúns dos festivais internacionais máis importantes coma o Intercéltico de Lorient, o Capodanno Céltico, o do Mundo Celta de Ortigueira, o Intercéltico do Morrazo,o da Luz, o Folk de Guísamo,o Folk das Pontes, o Internacional Celta Reino de León, o Folk Canarias, o Sauga Folk (Cantabria) ou o Intercéltico d’Occidente (Asturias), entre outros.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1