Unha feira de artesanía e unha exposición de traxes medievais, novidades na celebración dos actos conmemorativos dos máis de mil anos de historia

II Certame Artístico ‘Salvaterra Milenaria’ busca que os escolares trasladen a súa visión do que sería a vila nese intre da historia

Recreación da cesión da Vila de Lacedurium, antigo nome de Salvaterra, na primeira edición desta celebración.

Recreación da cesión da Vila de Lacedurium, antigo nome de Salvaterra, na primeira edición desta celebración.

O Concello realizará diversos actos conmemorativos o próximo 24 de maio, día declarado polo Pleno da Corporación como Festivo Local. Centrarase, especialmente, na participación dos nenos e nenas do Municipio, a través do II Certame Artístico ‘Salvaterra Milenaria’ para que trasladen os escolares a súa visión, a través das diferentes categorías, do que sería a vila nese intre da historia.

Os actos conmemorativos que comezarán ás 9.30 horas cun xograr que percorrerá as rúas da Vila. Ás 10.30 será o acto de recreación da cesión da Vila de Lacedurium,  a continuación a entrega de premios do certame artístico, actuación do Coro Lacedurium e apertura dos xogos tradicionais no exterior do Castelo. A novidade este ano é que durante toda a xornada haberá unha feira de artesanía e exposición de traxes medievais. Pola tarde volveranse a abrir os xogos tradicionais e oobradoiros tradicionais de carimbos de moeda con plastilina e escritura a pluma. Ás 17.30 os máis cativos poderán desfrutar dun contacontos infantil e pecharase a xornada ás 19.30 horas cun espectáculo de Alquimia.

Segundo a Tenente de Alcalde, Marta Valcárcel Gómez, “o obxectivo deste certame é que os alumnos e alumnas dos Centros de Ensino do Concello nos ofrezan a súa visión do pasado da nosa Vila, ao tempo que se fomenta a súa imaxinación e creatividade, así como a participación nas actividades culturais do Concello”. Para isto estableceranse diferentes categorías, atendendo tanto á disciplina utilizada como á idade dos participantes. O xurado estará composto por persoal docente dos centros escolares e do propio Concello.

Os alumnos e alumnas de Infantil participarán dentro da categoría de debuxo, os de primaria e secundaria en manualidades, e os bacharelato en relato curto. Todas as categorías estarán premiadas con 3 premios, de 100, 75 e 50 €, para gastar en material escolar, informático, deporte ou vestimenta para os gañadores.

Todos os traballos serán expostos no web do Concello e nas Covas de dona Urraca o día 24 de maio, día no que se fará tamén entrega dos premios, dentro dos actos conmemorativos que ofrecerá o recinto amurallado aos seus visitantes durante a festividade local.

HISTORIA

É no ano 991 cando atopamos o primeiro documento escrito que fai referencia a Salvaterra de Miño, o que a converte nunha auténtica Vila Milenaria. Neste texto o monarca Vermudo II asinaba, un 24 de maio do ano 991, un documento no que lle cedía á igrexa compostelá e ao seu bispo D. Pedro Martínez de Mosoncio, a vila de “Lacedurium” (que foi o seu nome orixinario). Esta vinculación entre Salvaterra e a igrexa compostelá manteríase durante un longo período, ata ben entrado o século XIX, durante o cal, os veciños e veciñas pagaron o décimo á sede santiaguesa.

Tras este episodio, son moitos os documentos nos que se fai referencia ao nome da vila, que progresivamente iría modificándose de Lacedurium a Lazoiro. A última mención ao topónimo de Lazoiro aparece no documento de anulación dos foros da cidade de Tui, realizado polo rei Fernando II en 1170. Sería en tempos de Alfonso IX, que ascendeu ao trono en 1188, cando a vila recibiría o seu topónimo actual, Salvaterra de Miño. Algunhas teorías apuntan a que este topónimo pode derivar do característico recinto amurallado, cuxa finalidade non era outra que “salvar” o pobo das invasións portuguesas, o que daría lugar ao nome de Salvaterra.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada