O Goberno galego e o Eixo Atlántico acordan defender conxuntamente a inclusión de Galicia e os seus portos no Corredor europeo de transporte de mercadorías

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente do Eixo Atlántico e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e outros rexedores de concellos integrantes do organismo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente do Eixo Atlántico e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e outros rexedores de concellos integrantes do organismo.

A Xunta de Galicia e o organismo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular defenderán conxuntamente a inclusión de Galicia e os seus portos no Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías. Así o acordaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da entidade e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, nunha xuntanza na que tamén participaron o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e outros rexedores de municipios integrantes do Eixo Atlántico. “Trátase, en definitiva, de cubrir cun corredor ferroviario para mercadorías todo o noroeste e trátase de poñer en valor todas as mercadorías que poidan entrar ou saír dos portos galegos”, valorou o presidente da Xunta.

O Goberno galego e o Eixo Atlántico coincidiron en sinalar a oportunidade que representa para Galicia a modificación do trazado dos corredores europeos, que cómpre aproveitar para acadar a incorporación ao mesmo da rede ferroviaria galega de mercadorías, e desa forma acceder o financiamento comunitario necesario para mellorar a liña e garantir a súa competitividade.

Ambas institucións traballarán para que en primeiro lugar a modificación do Corredor o estenda a Galicia, garantindo a conectividade dos portos da Coruña e Vigo, e definindo a continuación un trazado competitivo.

A Xunta de Galicia, Castela e León e Asturias selaron recentemente unha alianza para defender a inclusión do Noroeste Peninsular no trazado do Corredor Atlántico, a través da vía que, desde Palencia, chega a Monforte e desde Ourense se comunica cos portos de Vigo e A Coruña.

Xunto con isto, o Goberno galego e os representantes do Eixo Atlántico apuntaron tamén hoxe que a conexión con Lugo quedará garantida a través da renovación ferroviaria entre Ourense e a cidade da Muralla que hoxe presentou o Ministro de Fomento. Trátase dunha planificación con investimentos por máis de 1.300 millóns de euros que permitirá que xa no ano 2021 o tempo de conexión entre Lugo e Madrid estea por debaixo das 4 horas.

O Ministro de Fomento comprometeuse a defender a proposta conxunta de incorporación do Noroeste ao Corredor Atlántico e así o fixo recentemente nos TEN-T Days, un encontro europeo no que se revisou o funcionamento dos corredores.

A Xunta de Galicia considera unha gran noticia que se fortaleza a reivindicación da incorporación da nosa Comunidade ao trazado dese Corredor a través do acordo acadado hoxe co Eixo Atlántico. Segundo afirmou o presidente da Xunta trátase de “facer unha proposta de mellora ao noso país, a España. Non só é unha cuestión de Castela e León, Galicia ou de Asturias, é unha proposta que mellora todo o noroeste español”, concluíu.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada