A Xunta abre o prazo para incorporar 25 novos centros ao Plan de mellora de bibliotecas escolares

barco biblioteca2A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) en centros públicos non universitarios para o curso 2018/19, co obxectivo de incorporar outros 25 centros a este programa. Cómpre lembrar que no actual ano académico hai un total de 630 centros de ensino incorporados.

A través desta convocatoria, á que se destinan 1.275.000 euros, búscase seleccionar novos centros para a súa incorporación ao plan, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias. Cabe salientar que, a igual puntuación para entrar no programa, a Consellería primará os centros situados no rural.

As axudas para os centros de nova incorporación estarán destinadas á actualización e adquisición dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento e a súa adxudicación decidirase logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos nesta orde (que se materializará na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados).

No caso dos centros públicos incorporados con anterioridade, os que o fixeran entre 2005 e 2007 poderán recibir asignacións para fondos para fondos; os que se integraran entre 2008 e 2010 recibirán asignacións para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos; os centros integrados entre 2011 e 2016 poderán recibir contías para fondos; e os incorporados en 2017 para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

A biblioteca como espazo de dinamización e inclusión

O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI. Entre os doce ámbitos de actuación definidos como desafíos do Plan LÍA, a Consellería de Educación segue a impulsar e reforzar a rede de bibliotecas escolares que precisa de actuacións continuadas para lograr avances na renovación das bibliotecas da totalidades dos centros, de forma progresiva.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada