María Victoria Moreno, a namorada de Galicia e das súas Letras

María_Victoria_Moreno“Pedinlle café con leite á camareira e trouxome unha cunca chea de letras” escribe María Victoria Moreno en ‘Un cachiño de bica?’ E, como Iván que buscou o amor nos ollos doces dun can, a escritora buscouno nas nosas Letras.

Primeiro namorouse de Galicia cando en 1947, veu coa súa irmá Sara a pasar unhas vacacións xunto a unha tía materna, Conchita, que vivía en Ferrol. Para ela, a praia de Valdoviño e o mundo rural galego coas súas xentes acenderon unha paixón e crearon un vínculo emocional. Aínda que ela nacera en Valencia de Alcántara, Cáceres, o 1 de maio de 1939, no seo dunha familia de pai militar e nai mestra.libros3

Tras estudar o Bacharalato en Barcelona (1958), marcha a Madrid a cursar Filoloxía Románica na Universidade Complutense. Alí coñece a José Luis LLácer, un invidente co que compartía intereses intelectuais e culturais. Entón inicia unha relación que en 1963, recén licenciada, casa con Llácer e marcha a vivir a Pontevedra onde José Luis é destinado como profesor do colexio Santiago Apoótolo da Once.

En Pontevedra comezou a preparar oposicións ao corpo de profesores de ensino medio, que aprobou en 1965. O seu primeiro destino como funcionaria docente foi o instituto de Lugo. Aquí coñece a Xesús Alonso Montero, quen a introduciu na Cultura e na Literatura galegas e a fixo consciente da problemática lingüística de Galicia. Desde este momento, comezou a escribir os primeiros textos en castelán, pero axiña adoptou o galego como idioma para as súas creacións.libros2

“As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos. Vivimos encadeados ao acontecer do universo” escribe en Anagnórise. María Victoria Moreno coñece, na década dos oitenta, a Xavier Senín, profesor comprometido coa cultura galega que a animou a perseverar nas actividades galeguistas e, sobre todo, a continuar escribindo, pois recoñecía nela unha gran valía como autora e tradutora.

En ‘O Cataventos’ afirma: “Neste mundo que che digo o máis importante era vivir en liberdade”. En 1996 morre o seu home e, ao ano seguinte, diagnosticáronlle un cancro de mama. Sobrepúxose a estes duros golpes e continuou con enteireza a vida docente, ata que se xubilou en 2002. Tras esta difícil etapa, a alegría e o amor volveron chamar ás súas portas e, en 2003, casou co cubano Pedro Ferriol. Desde ese momento xa non se separaron ata que a morte veu levala, o 22 de novembro de 2005.

Boa docente, boa escritora e boa persoa, como testemuñan amizades e alumnado, a súa traxectoria viuse recoñecida con moitas distincións nos últimos anos. Así, tras as súa morte, foi obxecto de homenaxes, reedicións de obras e, por decisión do plenario da Real Academia Galega, dedícaselle o día das Letras Galegas deste 2018 que celebramos.

libros

A Real Academia Galega promove desde 1963 a celebración do Día das Letras Galegas, dedicado cada ano a unha figura destacada polo seu labor a prol da lingua e da literatura galegas.

O Día das Letras Galegas de 2018 homenaxea a escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Al-cántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), por decisión do Plenario da Real Academia Galega.

Licenciada en filoloxía románica, María Victoria Moreno chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –nomeadamente a infantil e xuvenil–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.

Para difundir e poñer en valor o seu legado, e co fin de reforzar o valor social do noso idioma nos diferentes ámbitos, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Corporación Radio e Televisión de Galicia, en colaboración coa familia da escritora, suman os seus esforzos nunha programación conxunta de iniciativas diversas en todo o territorio, coas que se abordarán as diferentes facetas de María Victoria Moreno. Para facer, un ano máis, das Letras Galegas unha celebración de todas e de todos.

ACTIVIDADES_letras_galegas_2018

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1