As axudas para impulsar nas entidades sen ánimo de lucro a contratación de 200 mozos poden solicitarse ata o 15 de xuño

O desemprego entre os menores de 30 anos baixou no último ano nun 11,56%.

O desemprego entre os menores de 30 anos baixou no último ano nun 11,56%.

A Xunta acaba de abrir o prazo de solicitude das axudas dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro para impulsar o emprego entre a mocidade. Ata o 15 de xuño poden solicitarse estes apoios, que contan cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros.

Trátase dunha nova convocatoria do programa de Cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, que forma parte do Sistema de Garantía Xuvenil e coa que se prevé levar a cabo a contratación nestas institucións colaboradoras de máis de 200 mozas e mozos galegos menores de 30 anos.

As axudas deste programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se acaban de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación durante 7 meses de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Desta maneira, proporciónase aos participantes unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

Ademais de mellorar a empregabilidade, esta iniciativa busca o fomento do emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servicios sociais (RUEPSS). Esta é unha das novidades da nova convocatoria, que tamén busca facilitar a tramitación das solicitudes, ao tempo que segue primando o criterio de estabilidade laboral recollido nas bases do ano pasado.

O importe medio das axudas por mozo superará os 12.000 euros, mantendo así a liña ofrecida nas edicións anteriores, que beneficiaron en total a preto de 500 mozos e mozas menores de 30 anos.

Este programa da Xunta, que forma parte da Axenda 20, dá continuidade ás políticas activas de emprego do Goberno galego que están dirixidas a favorecer a entrada dos mozos e mozas no mercado laboral. É o caso do Emprega Xuventude, que incentiva a contratación de menores de 30 anos a través dun bono de ata 7000 euros. En concreto, inclúe un bono formación de 2000 euros (opcional) para que as empresas poidan impartir cualificación á carta e axustada ás súas necesidades, e un bono de 5000 euros para incentivar a contratación ao longo dun ano como mínimo. Esta convocatoria xa saíu publicada no DOG e as empresas poden presentar as súas solicitudes ata o 30 de setembro.

O obxectivo é seguir reducindo en Galicia o desemprego entre os menores de 30 anos, un colectivo onde o paro baixou nun 11,56% nos últimos 12 meses.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada