Galicia apoiará con 1,3M€ a 340 pemes que avoguen pola conciliación, responsabilidade social e igualdade

pymesO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello a posta en marcha de tres liñas de axuda que, dotadas cun orzamento de 1,3 millóns de euros, apoiarán a 340 microempresas e autónomos que avoguen pola conciliación, a responsabilidade social e a Igualdade.

Todas elas, abundou, son áreas prioritarias que facilitan que a nosa Comunidade se converta nun bo lugar para formar unha familia e que consolidan un mellor lugar de traballo para os empregados destas compañías.

A este respecto, o titular do Goberno galego lembrou que Galicia é pioneira na aposta pola Responsabilidade Social Empresarial. De feito, dixo, a nosa foi unha das primeiras Comunidades en poñer en marcha un plan específico con esta finalidade xa no 2012. Tamén subliñou que a partida habilitada para este exercicio supera nun 60% a contía orzada o pasado ano para tal fin.

A primeira liña de axudas, contará cunha dotación económica de 156.000 euros e dará impulso á Responsabilidade Social Empresarial de 50 pemes. As empresas poderán acceder a axudas de ata un máximo de 3.000 euros para financiar ata o 80% dos custos de certificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares.

A segunda, cun financiamento de 400.000 euros, apoiará o proceso de creación e implantación de plans de igualdade en 200 pemes. Ao igual que no caso anterior, a contía máxima a percibir por parte das empresas será de 3.000 euros para financiar o 80% dos custos do plan.

Finalmente, a terceira das convocatorias incluirá incentivos para o fomento do teletraballo e a flexibilidade horaria, tamén financiamento para adquirir material tecnolóxico que facilite o traballo no fogar. Con máis de 750.000 euros orzamentados prevé beneficiar aos empregados dunhas 90 pequenas e medianas empresas. As compañías poderán acceder a axudas de ata 3.000 euros por traballador beneficiado, cun límite de 12.000 euros por empresa. Mentres que a contía da axuda ascenderá ata os 1.500 euros por traballador, cun límite de 5.000 euros por empresa, para adquirir equipamento tecnolóxico. Ademais, aquelas compañías nas que traballen igual ou maior número de mulleres que de homes, recibirán unha bonificación.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada