O galego David Vilares, premio nacional de informática por un traballo de análise de sentimentos nas redes sociais

David Vilares, nunha imaxe remitida por Vía Láctea Comunicación.

David Vilares, nunha imaxe remitida por Vía Láctea Comunicación.

O galego David Vilares Calvo acaba de recibir un dos seis Premios de Investigación de la Sociedad Científica Informática de España – Fundación BBVA, que se outorgan a xoves investigadores informáticos de todo o país. Foi galardoado, “por sus destacadas contribuciones a la investigación en técnicas y algoritmos para el procesamiento del lenguaje natural, con especial énfasis en su aplicación al análisis de sentimientos en redes sociales”.

Na actualidade o xove enxeñeiro informático, de 28 anos e natural de Vigo, desenvolve a súa actividade no Grupo LyS (Lingua e Sociedade da Información) da Universidade da Coruña. Este grupo forma parte da Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación de Información (Rede PLIR), financiada pola Xunta de Galicia e constituída no ano 2006. A Rede está integrada por grupos de investigación das tres universidades galegas que traballan neste eido, formados por lingüistas e expertos en Ciencias da Computación.

David Vilares explica que “o Procesamento da Linguaxe Natural é a área de investigación que se ocupa de que as máquinas poidan interpretar o que dicimos e de que poidan comunicarse con nós”. Nesta liña, sinala que unha pequena parte desta área é o que se coñece como Análise do Sentimento, que se centra en poder comprender automaticamente as emocións que se expresan na web, como cando facemos unha crítica dunha película, eloxiamos o produto que acabamos de mercar ou ironizamos sobre a vida política, por exemplo.

Búscase medir, entre outras posibilidades, o grao de apoio ou rexeitamento que certos eventos, casos mediáticos ou decisións políticas teñen entre a sociedade

Con este obxectivo, nestes anos de investigación Vilares dedicou os seus esforzos a “tratar de ensinarlles ás máquinas a emular un proceso que é complexo para elas, pero inmediato para o noso cerebro: determinar como as palabras dunha oración se estruturan e relacionan entre elas, ser capaz de coñecer o seu significado como conxunto, e así poder adquirir coñecemento”.

ANALISE DO SENTIMENTO

Tal como indica o xove investigador, a Análise do Sentimento ten aplicacións tanto no ámbito comercial como no social. Por un lado, permite establecer comparacións entre os produtos que un posible usuario estea interesado en adquirir, baseándose en opinións previas existentes de usuarios que xa mercaron o devandito produto, o que permite mellorar a súa experiencia á hora de atopar o que máis se axuste ás súas características. “Por exemplo, se queremos mercar un teléfono móbil e dubidamos entre varios modelos, na actualidade o que podemos facer é acudir a foros en internet e ver as opinións doutros usuarios. Nun futuro próximo trátase de que o ordenador procese de xeito automático esas opinións e nos ofreza información sobre aqueles aspectos do produto nos que estamos máis interesados, como pode ser neste caso a velocidade do móbil” -indica Vilares-.

A Análise do Sentimento permite tamén medir o grao de apoio ou rexeitamento que certos eventos, casos mediáticos ou decisións políticas teñen entre a sociedade; a través das opinións públicas vertidas en foros como TripAdvisor ou nas diferentes redes sociais.

O investigador, que colaborou con universidades do Reino Unido e Singapur, traballa nun proxecto para mellorar a velocidade e eficiencia dos sistemas de busca e tradución que empregamos a través de internet

Segundo salienta o investigador, a máis longo prazo, a Análise do Sentimento terá aplicacións relevantes á hora de que as máquinas poidan interpretar as nosas emocións (tristeza, alegría, enfado…) e interactuar con nós en base a iso.

 Tras estudar Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña, David Vilares realizou a súa tese de doutoramento na mesma universidade, entre os anos 2013 e 2017. Durante este período tivo ademais a oportunidade de colaborar e realizar estadías en centros de investigación estranxeiros, en particular nas Universidades de Wolverhampton e Aston (no Reino Unido) e na Universidade Tecnolóxica de Nanyang (en Singapur); grazas ás Axudas para a Formación do Profesorado Universitario do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e ao apoio de entidades privadas como o caso de Inditex.

Trátase de que no futuro as máquinas poidan interpretar as nosas emocións e interactuar con nós en base a iso

En xuño de 2017 defendeu a súa tese de doutoramento e dende entón traballa como investigador posdoutoral no proxecto FASTPARSE (Análise da linguaxe natural para o seu procesamento a grande escala). Trátase de coñecer como os ordenadores poden obter de maneira moito máis rápida a estrutura sintáctica das oracións; é dicir, lograr melloras na velocidade e eficiencia dos sistemas de busca ou tradución que empregamos diariamente a través de internet.

 

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1

1 comment for “O galego David Vilares, premio nacional de informática por un traballo de análise de sentimentos nas redes sociais

Comments are closed.