A Xunta concede 950 axudas complementarias do programa Erasmus+

CIMUSA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de axudas complementarias para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que durante o curso 2017/18 participa no Programa Comunitario de Mobilidade Erasmus+.

En total, concédense 950 axudas, a todos os solicitantes que cumpriron os requisitos, para o que se destina este ano unha contía de 1,5 millóns de euros, o que supón un aumento de 100.000 euros respecto ao orzamento do curso pasado. Cómpre lembrar que estas son bolsas complementarias ás que o alumnado reciben da unión Europea para realizar o período de Erasmus.

Do total das axudas concedidas, 368 son para estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 221 para os da Universidade da Coruña (UDC) e 361 para os da Universidade de Vigo (UVigo). Dos beneficiarios, 361 son homes e 589 mulleres.

En canto á contía total que recibirán, 64 bolseiros contarán con entre 500 e 950 euros, 233 entre 950 e 1400 euros, 383 recibirán entre 1400 e 1850 euros e 270 contarán con entre 1850 e 2255 euros. Ademais, 641 alumnos recibirán 500 euros adicionais por nota de expediente.

No referido á distribución por países, 204 cursan o Erasmus en Polonia, 177 en Italia, 109 en Portugal, 60 en Francia, 54 na República Checa, 54 en Romanía, 52 en Alemaña, 45 en Reino Unido, 21 en Noruega, 21 en Bélxica, 20 en Eslovaquia, 20 en Eslovenia, 19 en Irlanda, 16 en Hungría, 15 en Finlandia, 11 en Croacia, 11 en Grecia, 9 en Holanda, 8 en Bulgaria, 7 en Austria, 7 en Lituania, 3 en Letonia, 2 en Suecia, 2 en Chipre, 2 en Estonia e 1 en Turquía.

CONTÍAS MENSUAIS

Unha vez mais, ao igual que aconteceu o ano pasado con respecto ao anterior, para este curso as axudas incrementan os seus importes, de tal forma que o mínimo ao mes pasa de 105 aos 125 euros, a axuda intermedia de 145 a 165 e a máxima se eleva de 175 a 195 euros, en función dos países de destino. Así mesmo esta convocatoria contempla axudas para estancias de ata nove meses, o que complementa as axudas europeas, que se limitan a sete meses de duración.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada