A Xunta convoca os Premios Artesanía de Galicia 2018 en recoñecemento ao talento dos profesionais galegos

artesaníaA Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2018, que teñen como obxectivo recoñecer o talento e a traxectoria dos artesáns galegos, ademais de impulsar o relevo xeracional no sector. Os galardóns contan con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2018, dotado con 6.000 euros; Premio Traxectoria, de carácter honorífico; e Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4.000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio.

Este certame contribúe a poñer en valor o sector artesanal galego; así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade, potenciar a creatividade, promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada, impulsar o relevo xeracional así como apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.

O Premio Artesanía de Galicia está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

As categorías dos galardóns son o Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros; o Premio Traxectoria, de carácter honorífico; e a Bolsa Eloy Gesto, que promove a formación especializada dos máis mozos nun centro de prestixio

O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

A través da Bolsa Eloy Gesto a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2018.

As solicitudes poderanse presentar entre o 2 e o 16 de novembro, tal e como se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia

O xurado estará presidido pola directora xeral de Comercio e Consumo ou a persoa na que delegue; como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no eido da artesanía, do deseño e do comercio; e a secretaría recaerá na persoa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, que participará con voz pero sen voto. O fallo dos Premios Artesanía de Galicia 2018 farase público nun acto que se celebrará no mes de decembro deste ano.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada