Salvaterra deixa ver o seu rostro de vila milenaria

Vermudo II asina o tratado de cesión de Lacedorium á igrexa compostelá.

Vermudo II asina o tratado de cesión de Lacedorium á igrexa compostelá.

Este 24 de maio Salvaterra volve cara ás súas raíces  e lembra aquel mesmo día do ano 991 do que conservamos o primeiro documento escrito que fai referencia a Salvaterra de Miño, o que a converte nunha auténtica Vila Milenaria.

Neste texto o monarca Vermudo II asinaba, un 24 de maio do ano 991, un documento no que lle cedía á igrexa compostelá e ao seu bispo D. Pedro Martínez de Mosoncio, a vila de “Lacedurium” (que foi o seu nome orixinario).

Esta vinculación entre Salvaterra e a igrexa compostelá manteríase durante un longo período, ata ben entrado o século XIX, durante o cal, os veciños e veciñas pagaron o décimo á sé santiaguesa.

Esta escena foi recreada no Castelo Salvaterrense con moita cerimonia a cargo dun cadro de actores.

A mesma primeira tenente de alcalde, Marta Valcárcel, apareceu nos actos ataviada cun traxe medieval así como persoal do Concello de Salvaterra.

Despois, os nenos premiados no II Certame Artístico ‘Salvaterra Milenaria’ no que trasladaban os escolares a súa visión, a través das diferentes categorías, do que sería a vila nese intre da historia, recibiron os galardóns –un diploma e un obsequio-, de mans de Marta Valcárcel.

u

Pola súa parte 0 Coro Lecedurium cantou o avemaría do compositor ponteareán Julio Domínguez e a canción popular Catro Vellos Mariñeiros.

Fóra agardaban polos nenos e nenas os xogos tradiconais nos que algúns pais tamén probaron sorte.

A praza estaba arroupada polos artesáns como o tamanqueiro, Carlos Barros Fontán, ‘Tango’ coñecido artesán mondarizano experto na fabricación de calzado. De Tomiño, veu Sarai Rodríguez co seu posto Sapone di Principessa con xabróns feitos con aceites naturais e con formas moi diversas e simpáticas.

De Fornelos da Ribeira, parroquia salvaterrense, veu Daniel con 20 aromas distintos de ambientadores líquidos ou sólidos e a súa dona cun posto de monicreques.

Begoña Rodríguez é outra artesá que ofrece bolsos e moedeiros de muller feitos de teas variadas. Cada bolso é único e as mulleres procúranos para os seus outfits, explica o seu marido na ausencia dela. Entre 6 e 20 euros pódense adquirir estes bolsos de man.

Rous é o posto de Rosana de Vigo que fai traballos en feltro, así como figuras de bruxas, atrapasoños que quitan pesadelos, unicornios… E unhas pezas de bixutería que monta ela.

Pola tarde seguen os xogos no Castelo de Salvaterra, vai estar un conta contos e haberá unha demostración de alquimia. Así rematará esta segunda edición de Salvaterra Milenaria neste festivo local do 24 de maio.







Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1