Galicia trasladaralle ao Mapama un informe do Consello Galego da Competencia para xustificar a necesaria identificación da orixe do leite

explotacion gandeira granxa quintian s c foto: ana varelaA Xunta reafirma o seu compromiso coa regulación da identificación da orixe do leite, porque representa un apoio fundamental para os gandeiros galegos e supón tamén unha defensa do dereito dos consumidores a dispoñer de información veraz sobre os produtos que adquiren no mercado. Por iso, a Consellería do Medio Rural trasladaralle ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama) un informe do Consello Galego da Competencia que xustifica a necesidade de seguir adiante coa tramitación do real decreto que regula esta cuestión, malia o informe da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia crítico co borrador desta norma.

Medio Rural non comparte o criterio desta Comisión ao respecto e lembra ademais que o seu ditame non é vinculante, polo que considera que existen razóns dabondo para que o Mapama continúe avanzando na mesma dirección, empezando polo establecido, tamén, no Acordo lácteo asinado polos axentes do sector en setembro de 2015. Neste documento as industrias e a distribución comprometíanse a “promover a identificación da orixe do leite e os produtos lácteos, co fin de mellorar a información que se facilita ao consumidor mediante a inclusión, por parte das empresas, de forma claramente visible, destes datos en folletos de promoción, publicidade, carteis, así como nos propios lineais”.

Así, o Goberno galego insiste en que a medida regulada polo real decreto está plenamente xustificada, pois dar información veraz ao consumidor sobre a orixe dun produto, como o leite e os seus derivados, favorece a propia competencia.

GALEGA 100%

Neste mesmo eido da identificación da orixe, a Xunta recorda tamén que Galicia xa conta cunha ferramenta moi importante, como é a marca “Galega 100%”, que ademais de asegurar a orixe galega do leite garante tamén a súa calidade superior e a súa rastrexabilidade.

Este selo, que funciona na práctica como referente da orixe galega do leite e da súa calidade, sen que a súa viabilidade fora posta en cuestión en ningún momento, é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), asociación sen ánimo de lucro na que están representados de xeito paritario as industrias lácteas e os produtores.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada