‘Vive o Camiño’ ofrecerá este verán máis de 40 actividades nos concellos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa

Impulsado por Turismo de Galicia, promoverá e dinamizará ambos itinerarios xacobeos con sesións de contacontos e música para todos os públicos e de balde.

Impulsado por Turismo de Galicia, promoverá e dinamizará ambos itinerarios xacobeos con sesións de contacontos e música para todos os públicos e de balde.

O programa de artes escénicas Vive o Camiño ofrecerá durante este verán máis de 40 actividades de balde e dirixidas a todos os públicos, que se celebrarán nos concellos galegos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. Desde finais deste mes de xuño e ata o vindeiro mes de setembro, esta iniciativa de promoción e dinamización dos itinerarios xacobeos encherá de música e teatro numerosas rúas e prazas das provincias de Pontevedra e A Coruña.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, presentaron hoxe en Pontevedra esta iniciativa que se inclúe dentro das actividades programadas no ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. Ambos son os itinerarios aos que o Goberno galego dedica en 2018 os seus esforzos, como parte do cronograma do Plan director do Camiño.

Durante este ano realizaranse en ambos itinerarios accións de acondicionamento e sinalización cun investimento de 2,5 millóns de euros, reforzo da capacidade de acollida, sinalización, promoción e tamén accións culturais. “É clave que dinamicemos os itinerarios xacobeos e Vive o Camiño consolídase como unha unha das mellores formas de complementar a experiencia dos peregrinos e veciños á vez que é quen de divulgar os valores do Camiño de Santiago a través da arte”, dixo Nava Castro.

EXPOSICIÓN

En total programaranse 44 actividades de balde, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo das artes escénicas e a música. Estas accións irán acompañadas dunha exposición informativa tanto do Camiño Portugués como do Camiño Portugués da Costa.

A primeira parada de Vive o Camiño será o vindeiro luns 25 de xuño no concello pontevedrés de A Guarda e a última o 14 de setembro no municipio coruñés de Ames. A oferta distribuirase por O Rosal, Oia, O Porriño, Nigrán, Pontevedra, Baiona, Mos, Valga, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Barro, Caldas de Reis, Tui, Portas, Pontecesures, Padrón, Rois, Dodro e Teo.

ARBORES DO CAMIÑO

A programación inclúe a particular proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués que concienciará da importancia de protexer o patrimonio forestal da ruta xacobea, a cargo de Anxo Moure. Un espectáculo que estará acompañado nalgunhas localidades pola animación da música en directo de Servando Barreiro. A proposta O Camiño que camiña con nós, de Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, completará a oferta de contacontos desta edición.

Durante Vive o Camiño se presentará o novo espectáculo de Magín Blanco. Trátase de Camiños, no que mestura cancións, contos, poemas e textos de destacados escritores galegos. Tamén se poderá gozar da participación dunha das novas voces do panorama actual da música galega, MJ Pérez, con Sigo facendo camiño, onde fusiona diversos estilos musicais co predominio do pop-rock.

INTERCULTURALIDADE

Completarán a oferta a cantante Silvia Penide, co seu espectáculo Feminino Plural e Najla Shami, con Camiños de culturas, que estará acompañada por guitarrista e, nalgúns casos por percusión, para facer orixinais mesturas entre música galega e outras de sons africanos, brasileiros e mesmo co jazz.

Xunto a Vive o Camiño, o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa tamén acollen durante estes meses a exposición itinerante De mar a mar, que ofrece unha perspectiva en 3D do Camiño de Santiago e que pode visitarse ata o 30 de xuño no Café Moderno Afundación de Pontevedra de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas.

INCREMENTO

De xeito paralelo, ambos itinerarios nos que se celebrarán todas estas actividades culturais continúan a medrar. O Camiño Portugués consolídase como o segundo itinerario máis transitado polos peregrinos, só por detrás do Camiño Francés. Así o constatan as cifras da Oficina do Peregrino, que revelan un incremento dun 20% en só un ano. Pola súa banda, o Camiño Portugués da Costa está a demostrar o seu crecente interese. A día de hoxe, xa o escollen o dobre de peregrinos que o escollían hai un ano.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada