Tomou posesión este mediodía como sexto reitor da Universidade de Vigo

Reigosa: “Temos que facer un esforzo por captar alumnado nos países de fala hispana e tamén de Brasil, sen esquecer o inglés”

Manuel Reigosa: "Espero que dentro de catro anos sigan os sorrisos que miro agora"

Manuel Reigosaco presidente da Xunta, Núñez Feijóo, y su antecesor no cargo Salustiano Mato. 

Manuel Reigosa Roger converteuse este mediodía no sexto reitor da Universidade de Vigo co obxectivo de “que os moitos sorrisos que miro estes días polo campus os siga mirando dentro de catro anos”. Así remataba o seu discurso de toma de posesión, no que agradeceu os apoios recibidos, así como o traballo do seu equipo de goberno e mesmo a “campaña limpa e nobre realizada por Emilio Fernández”.

O discurso do reitor, no que avanzou algunhas das súas liñas estratéxicas de traballo para os próximos anos, sucedeu ao pronunciado por Salustiano Mato que asegurou marchar “coa sensación do deber cumprido e coa ledicia de ver á Universidade situada nos eidos máis salientables do ámbito nacional e internacional”. Mato, que agradeceu o traballo desenvolvido polo seu equipo, polo PAS e o PDI e por diferentes institucións, ofreceuse a axudar ao seu sucesor e marchar “coa Universidade de Vigo na cabeza e no corazón”.

O acto de toma de posesión, celebrado este mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que estivo acompañado na mesa presidencial polos reitores das universidades de Santiago, Antonio López, e A Coruña, Julio Abalde; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodriguez e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa. Feijóo referiuse á cooperación como a máxima que considera rexe entre as tres universidades galegas e que fixo posible acordos para a docencia médica ou para a creación do novo consorcio interuniversitario. O presidente da Xunta aludiu a algúns dos éxitos acadados nos últimos anos pola institución académica viguesa e rematou ofrecendo a colaboración do Goberno galego ao novo reitor, que dixo trae “experiencia, prestixio, independencia e ilusión”.

Manuel Reigosa, 6º reitor da Universidade de Vigo.

Manuel Reigosa, 6º reitor da Universidade de Vigo.

O acto de toma de posesión do novo reitor e das e dos once integrantes do seu equipo de goberno reuniu na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias a unha destacada representación da comunidade universitaria, ademais de responsables de institucións políticas, económicas e sociais, como Ana Pastor, presidenta do Congreso dos Deputados; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Milagros Otero, valedora do Pobo; José Luis Costa, presidente do Consello Consultivo de Galicia; Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social de Galicia; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Teresa Pedrosa, delegada do Estado da Zona Franca de Vigo; Luis Quinteiro, bispo da Diócese Tui-Vigo, así como deputadas e deputados, senadoras e senadores pola provincia de Pontevedra; membros da Mesa do Parlamento de Galicia e voceiras e voceiros dos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.

Tras prometer o seu cargo e recibir de mans do seu antecesor, Salustiano Mato, a medalla e o bastón de mando, Manuel Reigosa pronunciou un discurso que iniciou agradecendo o apoio recibido para acadar a súa elección e no que manifestou a súa intención de traballar para programar a universidade do futuro, “porque temos que alonxar a mirada e levantar a cabeza”. Reigosa retomou o seu lema de campaña con H2040 para referirse a unha universidade das persoas, “agarimosa” e á que a comunidade universitaria se sinta honrada de pertencer. O novo reitor gabou a campaña “limpa e nobre” realizada por Emilio Fernández á fronte de Ideas que suman e agradeceu o apoio do PAS, PDI e alumnado e moi especialmente o traballo desenvolvido polas e polos integrantes do seu equipo de goberno “por embarcarse nunha aventura que eu consideraba moi difícil”.

De seguido, o novo reitor da Universidade de Vigo debullou algúns dos seus principais obxectivos, que pasan por acadar, asegurou, mellores condicións de traballo para o persoal; darlle maior pulo á docencia; simplificar a burocracia; apostar polos recursos humanos; facer rexurdir o Claustro, así como negociacións máis fluídas con diversos colectivos, como o sindical. “Temos que facer un esforzo por captar alumnado nos países de fala hispana e tamén de Brasil, sen esquecer o inglés”, destacou Reigosa, que tamén incidiu na necesidade de incorporar docentes e persoal investigador para renovar, no primeiro caso un cadro de profesorado cada vez máis avellentado e para recuperar o pulo nas publicacións científicas de alto nivel, no segundo.

Reigosa demandou do presidente da Xunta a axuda do executivo galego para que as tres universidades do SUG volvan ter presenza no ránking de Shanghai, “un logro extraordinario”, conseguido no caso de Vigo no curso 2011-2012, e manifestou a súa aspiración no caso do ránking Times Higher Education de situar á institución académica viguesa entre o grupo das 100 primeiras universidades de menos de 50 anos. Neste sentido, o novo reitor aludiu ao programa autonómico Ultreia 2020, que inclúe opcións de mellora no ámbitos da calidade e a internacionalización. Tras reiterar que as clasificacións son importantes, Reigosa rematou o seu discurso referíndose ao que sinalou como o seu primeiro obxectivo para os vindeiros catro anos, “estes dias miro moitos sorrisos polo campus e espero que dentro de catro anos sigan eses sorrisos”, dixo o reitor.

Rematado o seu discurso, as e os integrantes do seu equipo de goberno, comezando polo secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, prometeron os seus cargos. Así, a profesora titular do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo María Esther de Blas, foi nomeada vicerreitora do campus de Ourense; Jorge Soto, profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, vicerreitor do campus de Pontevedra; Consuelo Pérez, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción, vicerreitora de Transferencia; o catedrático do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos José Luis Míguez Tabarés, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade; a docente do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; o docente do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Académica José María Martín Moreno, vicerreitor de Economía; a docente do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; o docente do Departamento de Enxeñaría Telemática Manuel Ramos, vicerreitor de Organización Académica; a catedrática do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Belén Rubio, vicerreitora de Investigación; o catedrático do Departamento de Química Analítica e Alimentaria Jesús Simal, vicerreitor de Internacionalización e a docente do Departamento de Didáctica, Organización Escolar  e Métodos de Investigación, María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación.

FEIJÓO

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que entre todos os galegos construímos unha Universidade vencellada coa sociedade e baseada na cooperación, internacionalización e a investigación.

Durante a toma de posesión do novo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, Feijóo aseverou que a máxima que rexe as tres institucións e os sete campus é a cooperación. Unha cooperación da que é froito, por exemplo, un Plan de financiamento ata 2020 dotado con 2480 millóns de euros, a mellor folla económica da que se dotaron as universidades en toda a súa historia e que, ademais de garantir a sustentabilidade do sistema, abre unha senda de calidade e compromiso coa investigación.

“Cooperando facilitamos a participación de Vigo e A Coruña na docencia clínica de Medicina e asinamos unha planificación conxunta de oferta académica. E creamos o primeiro Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, unha ferramenta que nos permita ser máis fortes e competitivos”, dixo.

Como proba dun Sistema Universitario galego vinculado coa sociedade, o responsable do Executivo autonómico lembrou que co Campus da Auga, Galicia foi pioneira en España na especialización dos campus periféricos, “e seguirémolo sendo co Campus Crea de Pontevedra e co Campus Tecnolóxico de Vigo, sempre baixo o liderado do Campus do Mar”.

Co fin de responder ás demandas sociais e laborais, Feijóo destacou a posta en marcha dunha oferta conxunta de titulacións ata o 2021, algo sen precedentes na comunidade universitaria española, e que supón a creación de 14 novos títulos. E, sobre a internacionalización como obxectivo estratéxico, mencionou os graos en inglés -que comezarán o vindeiro curso-, a mellora nos ránkings internacionais e a captación de alumnos para grao e máster.

Cooperación, internacionalización e investigación, recalcou, recordando que, desde 2009, o Goberno galego mobilizou 500 millóns de euros para blindar a I+D+i das tres universidades. “Centros singulares como Cimbio ou Ecimat volven situarnos na vangarda, sen esquecer o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais que se situará, xunto co Consorcio Interuniversitario, no edificio Fontán da Cidade da Cultura co acordo xeneroso de toda a comunidade universitaria”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo recoñeceu que o factor humano ten un papel decisivo na definición da Universidade do século XXI e, como proba disto, referiuse á conxelación das taxas universitarias para que Galicia siga sendo o lugar máis accesible para estudar un grao ou un máster, así como a iniciativa de que no próximo curso 2018/19 se premie ao alumnado máis excelente de cada curso coa bolsa Concepción Arenal, e se cree un complemento retributivo para os docentes que transfiran coñecemento á sociedade.

En relación á Universidade de Vigo, o responsable do Executivo autonómico gabou o avance dunha institución que, desde o seu nacemento en 1989, medrou en eficiencia e calidade.

Feijóo resaltou o traballo de Salustiano Mato, reflectido en éxitos colectivos como: dous novos graos ata 2021; a nova sede institucional no Berbés que liga a Universidade co corazón da cidade de Vigo; os centros singulares Cinbio e Ecimat, e unha agrupación estratéxica consolidada (Atlantic); a especialización dos Campus ou o regreso temporal do Pergamiño Vindel.

Así mesmo, deu a benvida ao reitor Manuel Reigosa, “que trae consigo experiencia, prestixio, ilusión e respaldo da comunidade universitaria”, e aseverou que sempre atopará na Xunta as portas abertas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada