Os XIX Premios de Teatro María Casares, “visibilidade á actividade teatral”

: Juan Carlos Fasero (SGAE), María Torres e Gonçalo Guerreiro (compañía Elefante Elegante), Jacobo Sutil (Director da Agadic), Ana Fernández (Concelleira), Ricardo de Barreiro (Vogal da AAAG), Suso Montero (Escenógrafo da Gala) e Marta Horjales (produtora Executiva).

: Juan Carlos Fasero (SGAE), María Torres e Gonçalo Guerreiro (compañía Elefante Elegante), Jacobo Sutil (Director da Agadic), Ana Fernández (Concelleira), Ricardo de Barreiro (Vogal da AAAG), Suso Montero (Escenógrafo da Gala) e Marta Horjales (produtora Executiva).

Un ceo de mil bombillas iluminará uns Premios María Casares que viaxarán, da man da compañía Elefante Elegante, á multiculturalidade. Así será a gala dos XIX Premios de Teatro María Casares, que se celebrarán o próximo ás 21.00 horas deste xoves 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro, no Rosalía Castro da Coruña. Hoxe pola mañá, o Concello da Coruña acolleu a presentación da gala de entrega destes galardóns que, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), convértense anualmente e dende 1997 na gran celebración da escena do país.

 

Na presentación interviron Ana Fernández, tenente de alcalde de Cultura do Concello da Coruña; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Juan Carlos Fasero, director da SGAE Noroeste; Ricardo de Barreiro,actor evogal da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e os responsables da dirección e da condución da cerimonia: María Torres e Gonçalo Guerreiro, codirectores de Elefante Elegante, compañía que conducirá a gala.

 

A concelleira Ana Fernández foi a primeira en intervir e destacou tanto que o Teatro Rosalía Castro da Coruña abría unha vez máis as súas portas á festa da escena que é a gala dos María Casares, como tamén o apoio da cidade ao teatro. Pola súa banda, Jacobo Sutil definiu os premios como un gran “estímulo para visibilizar a actividade teatral de todo un ano” e celebrou, como o resto de intervintes, a importancia da creación dun premio ao mellor espectáculo infantil, “unha boa noticia” que pon “o foco sobre os espectadores do futuro”. Fasero, dende a SGAE, amosou a “ledicia da SGAE” por colaborar nos María Casares e sinalou a gran cantidade de persoas que participan nas obras de teatro como a importancia dos textos das obras deste ano, “unha boa colleita”.

 

Ricardo de Barreiro, en nome da AAAG, destacou na súa intervención a relevancia destes galardóns á hora de lle “dar visibilidade á actividade teatral” nuns momentos difíciles para todos. Para De Barreiro, o sector escénico, malia as circunstancias, está a responder cun labor de calidade e de relevancia social para o país, como así o demostran os dezaseis espectáculos que este ano aspiran a algún dos catorce categorías cos que contan os María Casares e que nesta edición, e tal como subliñou De Barreiro, inclúen unha nova categoría. “Creouse o Premio ao Mellor Espectáculo Infantil para visbilizar a unhas obras e unhas compañías que traballan con gran calidade para uns espectadores, a rapazada, que xa é público de hoxe, pero que ten que selo no día de mañá”, sinalou para despois destacar“a esencial importancia” do teatro familiar como “construtor de públicos”.

 

De Barreiro , antes de pasarlle a palabra á compañía Elefante Elegante, lembrou que as tres obras con maior número de nomeacións son A tempestade, de Voadora, con 10 nomeacións; Perplexo, de IlMaquinario Teatro, con 9, e Ultranoite no País dos Ananos, de Chévere, con 7.

 

Unha viaxe cara á multiculturalidade
María Torres e Gonçalo Guerreiro, codirectores de Elefante Elegante, sinalaron que os María Casares deste ano suporán “unha viaxe cara á multiculturalidade”. Precisamente, a idea de viaxe dende diferentes puntos de vistafuncionará para a ambientación da gala. A cerimonia servirá, deste xeito, de “espello de vida dos actores”, que viviron durante moito como viaxeiros forzados nunha época na que se movían polo mundo en troupe. Ese concepto, o de troupe, será esencial no desenvolvemento da cerimonia que prepara Elefante Elegante, cuxo elenco estará formado por Iria Pinheiro, Ángela Blanco, Pablo Sánchez e os propios María Torres e Gonçalo Guerreiro.

 

Para os directores da gala, a “itinerancia como xeito de vida”, “ser artista ao lonxe” ou o “a emigración” son algunhas das perspectivas de viaxe que tocarán ao longo da gala, mais será a multiculturalidade o cerne da cerimonia. As viaxes significa o camiño perfecto para a mestura, a fusión e o intercambio de ideas, imprescindible para o proceso da multiculturalidade, que non deixa de ser “unha gran riqueza” e a “expansión das posibilidades do ser”.

 

Con esta concepción, Elefante Elegante proporá uns María Casares viaxeiros nos que estarán acompañados pola música de Kibitka, formación multiinstrumental que se define así mesma como unha caravana, como unha casa migratoria. Precisamente, a bagaxe e as viaxes das persoas que conforman o grupo trouxeron músicas de Armenia, Bielorrusia, Moldavia, Galicia ou Rusia agregaron ritmos e influencias e rescataron sonoridades esquecidas nun repertorio que lle porá a banda sonora a gala ideada por Elefante Elegante.

 

Mil bombillas
Nesta viaxe cara á multiculturalidade que propón Elefante Elegante, a gala dos María Casares transcorrerá baixo un ceo de mil bombillas que poderán iluminar, segundo explica o responsable da escenografía Suso Montero, coa luz lene das vagalumes ou con toda a potencia do sol. Ese manto de lámpadas será a peza fundamental da escenografía que envolverá os cinco actores e seis músicos que estarán sobre o escenario dunha gala cuxa construción do decorado correu a cargo do Centro Dramático Galego. Pola súa banda, o Vestiario orixinal está confeccionado por Marcia Edleditsch coas súa marca Efímera, que presenta unha proposta de deseño a partir da mestura de estilos, texturas e cores do mundo. Un traballo creativo con aires do universo das fadas que nos transporta ao circo modernista mais extravagante. Finalmente, a coordinación e a produción executiva dos Premios María Casares recaeu en Marta Horjales.

 

Espectáculos nomeados
A tempestade, de Voadora, convértese neste 2015 na produción con maior número de finalista, ao obter un total de 10 nomeacións. Perplexo, de ilMaquinario Teatro, aspira a 9 galardóns. Pechando o trío de obras con maior número nomeacións, atópase Ultranoite no País dos Ananos, de Chévere, que opta a sete galardóns. Estas tres montaxes disputaranse os galardóns ao mellor espectáculo e á mellor dirección.

 

Kassa, de Elefante Elegante, consegue tres nomeacións, ao igual queAs fillas bravas, de Chévere. Pola súa banda, Pequenas Certezas, de Sarabela Teatro; Pan! Pan!, de A Panadaría; Meu ben, de Eme2; e Roedores, de Redrum Teatro, acadaron dúas nomeacións. Finalmente, Ra, Ra, Ra, de Abrapalabra Creacións Escénicas; Demolición, de Talía Teatro; Bobas&Galegas, de Producións Teatráis Excéntricas, Longa viaxe cara á noite, do Centro Dramático Galego; O Feo, de CatroCadeiras, As fabas Máxicas, de Caramuxo Teatro, e A Casa do Avó, de Tanxarina aspiran a 1 galardón.

 

NO TWITTER E NA TVG
Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia e son, dende o seu nacemento, a gran festa do teatro. Os galardóns contan co apoio de institucións e entidades que, coasúa implicación, poñen de manifesto a relevancia social da escena no país. A Consellería de Cultura e Educación -a través da Axencia Galega das Industrias Culturais-, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE e a Fundación SGAE patrocinan os premios, que contan coa colaboración tamén do Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Televisión de Galicia, o Centro Dramático Galego, Gadis, Superbock, Emsac e Trevisani.

 

O Manifesto do Día do Teatro será lido por Xurxo Borrazáse, durante a cerimonia, renderáselle tributo a Vicente Montoto co Premio de Honra Marisa Soto. A gala, que comezará ás 21.00 horas, será emitida en diferido pola Televisión de Galicia e, terá presenza en directo no twitter a través do perfil na citada rede social que a Asociación de Actores e Actrices mantén en funcionamento. O perfil da AAAG en Twitter é @TuitsdaAAAG e, durante a gala, promoverase o hashtag #oscasares. Nesta conta, daranse a coñecer os gañadores de cada categoría en tempo real.

 
Perfil Elefante Elegante
Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento. As súas creacións buscan a universalidade, xurdindo da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. A compañía, de orixe galego-portuguesa, foi creada en 2007 por María Torres e Gonçalo Guerreiro e ten a súa sede na Coruña. Nace para dar forma artística ás súas inquedanzas sociais e existenciais.

 

Elefante Elegante comezou como proxecto experimental no ano 2000 co nome de Teatro Escondido. Este proxecto viaxou durante sete anos entre Galicia, Bélxica e Portugal e del facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. A súa interpretación baseábase no xogo corporal co obxectivo de desenvolver unha linguaxe teatral universal. Estes anos de experimentación foron fundamentais para que puidera nacer o Elefante Elegante. Os seus espectáculos teñen sido acollidos en Galicia, Portugal, Bélxica, Suíza, Francia e Italia.

 

Entre as montaxes que levan producido nestes anos, atópanse Iliria (2008), Granito (2008), In (2009), destinadas ao público adulto, ou Tristán (2007), O forno (2008), O aviador (2012) e Nuncabunga (2012), para público familiar. Precisamente, con esta última montaxe, Elefante Elegante fíxose co María Casares ao Mellor espectáculo en 2013. Na actualidade, veñen de presentar Kassa, coa que aspiran a tres xerras dos premios do teatro na actual edición.

 
Perfil Suso Montero

 

Escenógrafo e artesán. Ten deseñado carteis, figurinos e decorados para máis de 35 producións teatrais profesionais, entre as que destacan Informe para unha Academia (Troula, 1983), Almas perdidas (CDG-Artello, 1987), Moleques (Ollomol, 1989), Batea (Artello, 1990), Un refaixo para Celestina (CDG, 1993), Escola de Bufóns, (1996, Ollomoltranvía), Fábula (1997, Ancora), Anatomía de un hipocondríaco (1998, Ancora), Metamorfose (2000, Ballet Druída), Footing (2001, Ancora), Daquel Abrente (2003, CDG) ou De fábula (2005 Artello),etc.

 

Dende 1987 ten deseñado máis 200 decorados para diversos programas da Televisión de Galicia, entre eles A toda máquina (1987), Corazonada (1989), Adiviña quen vén esta noite (1990), Unha de romanos (1991), Luar (1993/2000), diversas xiras do Xabarín Club (1997/99), Supermartes (1996/2003), Máxima Audiencia (2004-2005), e innumerábeis especiais de Verán, Nadal, Reis, Aniversarios, Moda, 25 de Xullo, entregas de premios, etc., así como os decorados para o Telexornal dende 1990 ata o 2005 .

 

En cinema e vídeo, entre outros traballos, foi axudante de dirección artística do filme O lapis do carpinteiro (2001), e director artístico das teleseries Mareas Vivas (1998), Galicia Express (2000) ou Pequeno Hotel (2001).

 

Recibiu o premio ao mellor vestiario nos Premios María Casares, por Escola de Bufons (1997) e por Viaxe a Ningunha Parte (2013) e nos AGAPI por A noiva de medianoite. Ademais, foi galardoado coa Medalla de Ouro da Feira Internacional de Artesanía de Múnic (Alemaña, 1991), e co Premio de Deseño Artesanal da Consellaría de Industria e Traballo da Xunta de Galicia (1995).Premio de Honra Fernado Rey no ano 2009 a toda á súa traxectoria profesional.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada