AUGA agarda que coa creación das Entidades de Certificación se axilicen os trámites para iniciarse como autónomo

O portavoz de AUGA, Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez, valorou esta mañá moi positivamente a posta en marcha das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal anunciada onte pola Xunta de Galicia, “un paso adiante na axilización da burocracia e tramitación administrativa para todos aqueles autónomos que pretenden abrir un negocio ou iniciar unha nova actividade empresarial”.
A pesares de celebrar o anuncio, Domínguez subliñou que “é importante recoñecer calquera iniciativa que pretenda dar solución a unha das reivindicacións que levamos reclamando dende hai anos. Non é normal que un proxecto ou iniciativa de negocio tarde meses en iniciarse pola tremenda carga administrativa que se nos esixe aos autónomos. Por fin, comezamos a ver algunha intención de mellorar esta situación. Máis vale tarde ca nunca”.

 
AUGA, en nome de todos os autónomos galegos, esixe que “este anuncio da Xunta de Galicia non se quede nunha mera declaración de intencións a meses das eleccións, senón que estas novas entidades municipais cumpran cos obxectivos, sexan eficaces e diminúan realmente os requisitos esixidos actualmente para iniciarse como autónomo neste país”.
Lisardo Domínguez rematou lembrando a importancia desta aposta polo colectivo, “representamos o 21,7% da poboación ocupada. A Xunta de Galicia debe e ten que seguir dando pasos para demostrar a súa aposta real polo emprendemento e, en definitiva, polos autónomos galegos. Un dos pasos máis importantes do que se ten esquecido e para o que esiximos que tome unha decisión urxente é a convocatoria definitiva do Consello do Traballo Autónomo, con máis de dous anos de retraso”.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada