A Real Filharmonía de Galicia, coa voz da mezzosoprano catalá Marta Infante, ofrece un concerto no Festival de Músicas Contemplativas

A mezzosoprano catalá Marta Infante.

A mezzosoprano catalá Marta Infante.

A Real Filharmonía de Galicia celebra este mércores, 1 de abril, un concerto no marco do IX Festival de Músicas Contemplativas. Terá lugar na igrexa do compostelán Convento do Carme, ás 21:00 horas, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave.

 

A orquestra tocará dúas cantatas escritas por Johann Sebastian Bach (1685-1750) en 1726, a Cantata nº 170 e a Cantata nº 35. Na actualidade consérvanse 200 cantatas das aproximadamente 300 compostas por Bach, na súa maioría escritas durante os 27 anos nos que o compositor ocupou o posto de cantor na igrexa de Santo Tomás de Leipzig. Entre as súas obrigas figuraba a organización dos programas de música relixiosa para as igrexas da cidade e a presentación dunha nova cantata cada festividade e cada domingo. En só sete das súas cantatas relixiosas prescinde do coro a catro voces tan característico e recorre a un solista vocal, como é o caso destas dúas que interpretará a RFG.

 

A Cantata nº 170 estaba destinada ao sexto domingo despois de Trindade. Evoca a pasaxe evanxélica do Sermón da Montaña; expresa o desexo de morte e refire o tema da xustiza, da oposición dos cristiáns á hipocrisía dos fariseos. Pola súa parte, a Cantata nº 35 corresponde ao duodécimo domingo despois da Trindade.

 

Os músicos acompañarán á voz da mezzosoprano catalá Marta Infante nestas dúas obras. Estudou canto, piano e viola no conservatorio da súa cidade (Lleida), trasladándose máis tarde á República Checa para realizar estudos superiores de canto na Universidade de Ostrava. No ámbito da música antiga actuou en numerosos festivais de todo o mundo, mesmo en países como Xapón, Exipto, Siria, Xordania ou Líbano. Un dos seus discos foi galardoado en Holanda como un dos mellores dez discos de música antiga de 2010.

 

A música dolorosa de Vasks

 

Os músicos interpretarán ademais Música dolorosa de Peteris Vasks (1946), que nos anos noventa se converteu no compositor letón máis recoñecido en todo o mundo. Cun estilo ecléctico, as súas obras transmiten horror, esperanza e consolo. Próxima ao chamado minimalismo místico pódese situar a Música dolorosa, composta en 1983 con motivo do falecemento da irmá do compositor. Nela aternan seccións de serenidade e resignación con outras de rabia, aínda que Vasks non se deixa invadir pola desesperación.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada

Etiquetas: