Do 14 ao 22 de xullo

A MIT converte a Ribadavia na casa do teatro galego

Todos os intervintes na presentación da Mostra Internacional de Teatro, MIT, en Viña Costeira, que se celebrará en Ribadavia.

Todos os intervintes na presentación da Mostra Internacional de Teatro, MIT, en Viña Costeira, que se celebrará en Ribadavia.

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou esta mañá a programación da súa 34ª edición, que terá lugar do 14 ao 22 de xullo coa participación de compañías de Italia, Portugal, México, Reino Unido e Uruguai, ademais de galegas e do resto de España, e a presenza de recoñecidos nomes da escena como Pippo Delbono ou Laila Ripoll.

A Consellería de Cultura e Educación colabora un ano máis coa organización do encontro a través do apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que recoñece deste xeito o valor da MIT como mostra de referencia no sistema teatral galego. Así foi definida por Jacobo Sutil, director da Agadic, na presentación desta nova edición, celebrada na sede da cooperativa Viña Costeira e na que tamén interviñeron o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández; a presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Nieves Rodríguez; a presidenta da asociación Escena Galega, Belén Pichel; e o director da MIT, Roberto Pascual.

Pascual sinalou que a MIT converte nun “lugar de encontro” a Ribadavia ou na “casa do teatro galego”. O director da Mostra fixouse tamén en que a MIT representa  “un motor económico” para sectores coma o hostaleiro. Durante eses días, Ribadavia recibe 15.000 visitantes o cal é, dixo Pascual, “o triplo da poboación”. Tamén sinalou a especial conexión da Mostra Internacional de Teatro coa “cultura galega”, á vez, que coa internacional. Este ano acudirán compañías iberoamericanas de México e Uruguai así como de países europeos, como Italia, Reino Unido, Portugal e Francia.

Respecto ao público, Pascual describiuno como “festival diverso cun público diverso”. Ademais do público fidelísimo están aqueles que seleccionan, segundo intereses, un menú escénico á carta. E, entre o público, moita xente nova que hai que gañar para o teatro e moito público foráneo que deixa cartos na vila.

A MIT vai reforzar este ano os espectáculos de rúa con circo ou danza.

O orzamento este ano é de 200.000 euros e hai un empeño por dalo a coñecer fóra de Galicia, sinalou o director da mostra.

Roberto Pascual recordou que Ribadavia é, estes días, “outra vila onde patrimonio, viño e arte” se dan a man.

 

25 ANIVERSARIO DE COMMEDIA

Sutil fixo especial fincapé na estrea coa que botará a andar a mostra o 14 de xullo no Auditorio do Castelo: Commedia, un xogete para Goldoni, un dos espectáculos de máis éxito da historia do teatro profesional galego, que a compañía Contraproducións recupera para os escenarios da man do director Cándido Pazó xunto con boa parte do equipo orixinal que o levara por primeira vez ás táboas hai 25 anos. A súa nova montaxe conta tamén co apoio da Xunta como unha das 30 propostas galegas adxudicatarias da última convocatoria de subvencións da Agadic á produción escénica.

Con Commedia, un xoguete para Goldoni esbózase a commedia dell’arte como un dos elementos condutores da programación, que sigue apostando igualmente pola creación contemporánea internacional coa presenza de Pippo Delbono (Italia), Marianella Morena (Uruguai), Projecto EZ (Portugal), Los Colochos (México) e Blind Summit Theatre (Reino Unido). Tamén se poderán ver en Ribadavia espectáculos procedentes de Valencia (Emportats, de La Trocola), Estremadura (Musicoloco, de Fuman Artist), Madrid (Donde el bosque se espesa, de Micomicón, e Malabreikers coa súa peza homónima), Castela-A Mancha (Tebas Land, de Euroscena), Cataluña (Ragazzo, de Teatre Tot Terreny), Andalucía (Rojo estándar, de La Nórdika) ou Asturias (El mundo por montera, de Rodrigo Cuevas).

Ademais de por Contraproducións, a escena galega tamén estará representada nesta carteleira por A Panadaría, IO Circo, Cristina Collazo e Banda A Lira de Ribadavia, e Inventi Teatro.

Na programación desta 34ª edición tamén terán tamén especial protagonismo as actividades paralelas, que combinan os ámbitos pedagóxico, experiencial e artítisco, como os obradoiros ofrecidos pola directora e dramaturga Laila Ripoll ou as charlas e encontros sobre a profesión do escenógrafo a partir da exposición que albergará a igrexa da Madalena.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1