Unha das primeiras orquestras folk europeas

O Gaiás festexa mañá o Día da Música cun concerto ao aire libre de SondeSeu

Case medio cento de músicos sobre o escenario da Praza Central do Gaiás daranlle a benvida ao verán ao son de violíns, requintas, gaitas ou zanfonas.

Case medio cento de músicos sobre o escenario da Praza Central do Gaiás daranlle a benvida ao verán ao son de violíns, requintas, gaitas ou zanfonas.

O Gaiás festexa mañá venres 22 de xuño o Día da Música –que se conmemora hoxe– cun concerto ao aire libre de SondeSeu, a única orquestra galega de folk contemporáneo e unha das primeiras de Europa. Case medio cento de músicos subiranse ao escenario da Praza Central do Gaiás ás 21 horas para presentar, por vez primeira en Galicia, o seu espectáculo Arraianos. Será nun concerto con entrada libre e de balde organizado pola Fundación Cidade da Cultura coa colaboración da Agadic.

Arraianos conforma unha explosión de forza e enerxía interpretativa asentada na contundencia do son propio de SondeSeu, que incorpora ademais a colaboración de tres dos artistas máis virtuosos da escena folk da península ibérica do momento: Vanesa Muela, Xuacu Amieva e Daniel Pereira Cristo.

O espectáculo ilustra, nun poderoso espazo sonoro, a expresión da música popular nos límites xeográficos imaxinarios da cultura galega. Neste concerto emerxerán pois os mellores ritmos e melodías populares de Castela e León –na percusión de Vanesa Muela–, Asturias –na gaita de Xuacu Amieva– e Portugal –no cavaquinho de Daniel Pereira Cristo– xunto á linguaxe orquestral de SondeSeu.

O público asistente terá así unha oportunidade única de gozar de toda unha ‘festa-foliada’ da cultura da Península Ibérica, que traspasa as fronteiras para impor unha nova xeografía sonora na que os lindes desaparecen por arte da música, nun discurso novo e cheo de alegría con cotas instrumentísticas difíciles de acadar nun único espectáculo.

MÚSICA POPULAR

O repertorio de SondeSeu consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións, que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada. Entre os mestres de SondeSeu atopamos nomes ben destacados da música tradicional galega, como Rodrigo Romaní, Xisco Feijoo, Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco ou Xosé Liz de Cea.

A formación naceu no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios –hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional– de Vigo, experiencia singular que persegue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Dende entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama español e internacional, con varias publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos. Os seus concertos ao vivo son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana.

COMEZO DE VERÁN

O concerto de SondeSeu marca o inicio da programación de verán da Cidade da Cultura, que este ano programa un total de 67 actividades de lecer e culturais, ao aire libre e en contacto coa natureza e pensadas para todos os públicos. Ao longo de tres meses, prevese que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda como Atardecer no Gaiás, Cidade Imaxinaria, As Astronómicas, as acampadas de Unha noite no Bosque ou As Nocturnas, visitas comentadas á noitiña ás exposicións e con música e petiscos. En cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada