Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra: “Gústame sentir que axudas os veciños nos seus problemas diarios”

As prioridades son ampliación da escola infantil, casa da música,

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, di a Grupo ES. que sería este o slogan da súa lexislatura: “Un concello aberto ao cidadán”.

Ama a proximidade cos veciños e veciñas. Se tivese que poñer un slogan para a súa lexislatura, a flamante e xove alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, di a Grupo ES. que sería este: “Un concello aberto ao cidadán”.

“Que os veciños conten contigo. Estar sempre axudando. Que a xente saiba que teña o problema que teña vai ter o apoio do Concello”. Esta é a filosofía de traballo de Marta Valcárcel (Salvaterra de Miño, 1980), casada e cunha filla e afiliada ao Partido Popular. Que gusta da política local porque lle permite “sentir que axudas os veciños nos seus problemas diarios”. Ou ter unha idea e desenvolvela e levala a cabo: “Esa sensación non é comparable absolutamente con nada”. Engade que por riba de todo isto está Salvaterra.

O alcalde Arturo Grandal preparouna desde hai anos. El foi alcalde catro décadas e sempre con maioría absoluta. Marta tamén acadou esta maioría para gobernar os vindeiros catro anos Salvaterra. Da oposición di que espera “respecto e educación, ante todo” e así poder transmitir, como exemplo, esta actitude aos veciños e veciñas.

Recoñece que “non é que vaia haber un cambio rotundo. Hai continuidade. Eu, ademais, sigo a levar algunha áreas das que xa me ocupaba anteriormente. O que si estou é a poñer as cousas ao meu xeito. Isto responde a que cada un temos un xeito persoal de facer as cousas. Neste intre estou a organizar todo o traballo”.

De feito, como se observa, aínda non tivo tempo de darlle ao seu despacho un toque feminino. “O que fan as eleccións é paralizar a vida municipal durante uns meses: licitacións, obras pendentes…hai que pór todo en marcha…E niso estou e ando a mil por hora…”. Ademais xúntaselle coa programación do Verán Cultural, actividade moi querida e traballada desde hai anos por ela.

Marta fala dos eventos consolidados como o Son da Muralla –“primeiro festival Dj ao aire libre de Galicia”-; Imos de Guateque –“a pesar de ir na terceira edición, a súa evolución, de ano a ano, é impresionante”-; e a Festa do Viño do Condado do Tea –que cumpre 60 anos nesta edición sendo “a segunda festa gastronómica máis antiga de Galicia”-, explica. Vese que gusta de deterse nestes eventos. No Mundo a Dançar nesta edición van actuar 5 grupos, un máis que noutros anos. Tamén anuncia que recupera a festa infantil da espuma no parque público da Canuda e que haberá, a novidade, dunha discoteca infantil na praza do Concello.

Moitos son os proxectos nos que está a traballar o Concello de Salvaterra. Fala a alcaldesa de “traballar pola calidade de vida dos salvaterrenses”. Por iso, a prioridade é a ampliación da gardería municipal ou escola infantil. Alude a ela como unha maneira de reter poboación e evitar o despoboamento. “Somos un concello que está a medrar e con poboación nova”, explica.

Tamén a casa da música na antiga casa sindical é outra obra desexada por Valcárcel. Xa se lle cambiou o tellado e agora hai que acometer o seu acondicionamento interior.

A biblioteca municipal na antiga casa do Concello, no Castelo, é outra prioridade, así como buscar un emprazamento para construír un auditorio municipal, “que é unha demanda e unha necesidade”.

A alcaldesa ten unha ampla visión do sector vitivinícola de Salvaterra con moitos más sectores que o económico. “Entendo o viño como parte da nosa historia, economía, cultura e forma de vivir”. E observa esa estreita relación entre a veciñanza e a viticultura. Tamén para Marta os mellores recordos da infancia veñen das tarefas agrícolas feitas de modo colectivo.

Por iso, está moi vinculado este sector do viño ao turismo. As rutas que se están abrindo desenvolven o turismo enolóxico, de vista ás adegas desta sub zona de Rías Baixas. Tantas adegas e a proximidade ao río é un aliciente para visitar esta vila milenaria. Ademais do Parque Público da Canuda, a Illa Fillaboa, os máis de 40 quilómetros de sendas verdes polos cinco ríos do municipio…

Marta está moi orgullosa do proxecto europeo chamado Miño Navegable. Liderado por Salvaterra para as dúas eurocidades Monção-Salvaterra e Valença-Tui. Un millón de euros para poder visitar en barco as adegas ribeiregas do Miño.

Outra infraestrutura que funciona e o recente Museo da Ciencia do Viño, interactivo, nas covas de Dona Urraca. “É un dos mellores de España” e “está sendo visitado por moitísima xente”.

As pozas termais en algo máis dun mes recibiron, segundo a alcaldesa, máis de 5.000 visitantes.

PLISAM

A Plataforma Intermodal Salvaterra-As Neves, PLISAM, vai empezar a “influír” no municipio. Os primeiros 400.000 metros cadrados –dos máis de 3 millóns- están a ser urbanizados (depuradora de residuos e depuradora de tratamento de auga). Aínda que sexa unha parte, é o máis grande de Galicia, explica Valcárcel lembrando a recente visita do presidente da Xunta de Galicia.

“Agora temos que esperar que pase ese prazo de poxa do terreo e as empresas poderán instalarse”. Lembra a alcaldesa que Salvaterra de Miño é concello ‘emprendedor’. Por iso, as empresas obterán avantaxes fiscais segundo o número de empregos que creen no municipio.

Para Valcárcel, “a Administración cómpre que estea para apoiar a iniciativa privada” e recoñece que ambos sectores han de ir da man.

En sectores como a construción, a alcaldesa di que “está custando un pouquiño a súa recuperación” e recoñece que tan só no rural hai certo melloramento da construción de vivendas unifamiliares. Para aqueles edificios non rematados que “afean” a vila agora a administración local ten máis instrumentos legais para impulsar o seu remate. Porque “Salvaterra foi sempre un concello que coidou moito a estética”, declara.

Como é de supor, as súas relacións coa Xunta son boas xa que son da mesma cor política. “Estamos contentos aínda que sempre temos que pedir máis”. Agora está a reunirse coas distintas consellerías para tratar distintos temas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
21