Hifas da Terra, un referente do sector biotecnolóxico en Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, puxo de exemplo á empresa pontevedresa Hifas da Terra de como, grazas á súa aposta pola I+D+i, pasou de ser unha empresa de produción de cogumelos ecolóxicos e kits de produción a ser un referente na actualidade en investigación de compostos bioactivos e da súa aplicación clínica no ámbito da saúde e do medio ambiente. Argerey fixo estas declaracións durante unha visita esta mañá a sede da empresa biotecnolóxica en Bora, Pontevedra.

A directora de Gain destacou a participación da empresa na elaboración da Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía 2016-2020, que a Xunta de Galicia puxo en marcha en colaboración co sector, debido ao seu carácter estratéxico para Galicia, tendo en conta o gran potencial que ten a biotecnoloxía no desenvolvemento do resto das principais industrias galegas, como a agroalimentaria, a ambiental ou a vinculada ao eido sanitario.

O obxectivo desta Estratexia, que xa ten mobilizado o 94% do investimento ata 2020, é maximizar o potencial do sector a nivel internacional, incrementar a súa competitividade e situar a Galicia como un referente chave na cadea de valor biotecnolóxica. “Precisamente, Hifas da Terra é un exemplo de como grazas á aplicación desta tecnoloxía, a biotecnoloxía, a sectores máis tradicionais como o forestal ou o agroalimentario se pode chegar a ser unha empresa punteira a nivel internacional e altamente competitiva”, apuntou Argerey.

Así mesmo, Hifas da Terra participou en varios programas de I+D+i con apoio da Axencia Galega de Innovación, como o programa Conecta Peme para desenvolver proxectos entre empresas en áreas estratéxicas para Galicia. Neste marco, Hifas da Terra desenvolveu varios proxectos no ámbito da biorremediación de chans contaminados a través da aplicación de micotecnosois e o desenvolvemento de novos alimentos funcionais e complementos nutricionais orientados ao desenvolvemento neurocognitivo, así como outros proxectos de I+D+i centrados fundamentalmente en ámbitos como o cancro, as enfermidades dexenerativas, cardiovasculares ou autoinmunes.

Finalmente, Hifas da Terra conta cun técnico de I+D+i contratado en 2018 co apoio do programa Principia do que precisamente se publicou hoxe a resolución da cuarta edición, que permitirá a contratación de 110 mozos e mozas para desenvolver actividades de I+D+i en 77 empresas e organismos de investigación de Galicia. Ademais, Hifas da Terra participa actualmente na terceira edición do programa de aceleración Agrobiotech Innovación, a través do que está recibindo apoio para a comercialización e internacionalización, impulsando os seus produtos forestais no mercado italiano.

Hifas da Terra é un centro de biotecnoloxía centrado na investigación e a innovación cun alto grao de especialización no desenvolvemento de nutracéuticos a partir de fungos medicinais. Ao longo dos seus 20 anos de vida, recibiu 13 premios que recoñecen o seu carácter innovador, a excelencia empresarial, o seu compromiso coa dinamización do medio rural e coa conservación do medio ambiente. Ten unha facturación de máis de 5 millóns de euros, un cento de traballadores, dos que preto dun 10% están dedicados á I+D+i, e exporta máis do 40% da súa produción.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada